Cobre San Rafael inviste 7,5 millóns nos traballos previos á explotación da mina

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

O Pino

18 ene 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

Cobre San Rafael, a empresa que promove a reactivación da extracción de cobre na mina activa de Touro e O Pino, pechou o 2019 cun balance de 7,5 millóns de euros de investimento acumulado, para labores de investigación, innovación e desenvolvemento. Nos seus dous anos de actividade, Cobre San Rafael centrouse na exploración xeolóxica e a redacción do seu proxecto mineiro, no que colaboraron investigadores das universidades galegas, así como organismos científicos e consultorías galegas e internacionais de primeiro nivel, informou a compaña.

O compromiso de Cobre San Rafael é reabrir a explotación de cobre nunha área mineira xa en activo, mediante «un plan responsable e sostible, que respecta os valores ambientais, económicos e sociais da súa contorna». Para iso, a prioridade das investigacións -engade- foi deseñar un plan mineiro «compatible con outras actividades económicas, que neutraliza o impacto ambiental e visual á vez que garante o vertido cero de augas ao medio».