As praias fluviais agardan os bañistas, con Chaián e Furelos fóra de xogo por ter unha calidade da auga «insuficiente»
MELIDE

No outro lado da balanza están as áreas recreativa de Tapia e da Praíña, que presentan para este ano niveis «excelentes» no control sanitario das súas augas
02 jun 2025 . Actualizado á 14:08 h.As praias fluviais da contorna de Compostela agardan xa aos primeiros bañistas, coas de Chaián e Furelos fóra de xogo por ter unha calidade de auga «insuficiente» esta tempada, segundo a clasificación feita pública pola Consellería de Sanidade en base ás análises de contaminación bacteriana que realiza periodicamente. Este é o segundo ano consecutivo que a área de baño de Trazo suspende, mentres que a de Melide leva máis dun lustro rexistrando índices insalubres, polo que periga a súa presenza na lista autonómica e podería establecerse a prohibición de baño permanente —como xa sucedeu en Nináns, Brión—. Para evitar esta situación o próximo ano, están a retirarse os lodos sedimentados no río Furelos ao seu paso pola área recreativa melidá.
Auga «excelente» en Tapia
Na outra parte da balanza está a praia fluvial de Tapia (Ames), onde o río Tambre volve ter este ano unha calidade de auga «excelente» para o baño, tal e como vén sucedendo os últimos tempos. Na Tarroeira (O Pino) é «boa» e, en Seira (Rois), obtén de novo un aprobado raspado.
E non hai que esquecer que, na fronteira entre Pontevea (Teo) e A Estrada, está a área recreativa da Praíña, que tamén ten unha calidade de auga «excelente» e unha proposta variada de actividades: «Este ano contaremos con concertos vos venres, con entrada previa con consumicións a partir do 20 xuño, e churrasco con reserva previa do día anterior. Haberá alugueiro de kaiaks con descensos programados con reserva en agosto e setembro, e área camper para vos turistas itinerantes».