Xiro radical na procura do desaparecido en Frades: tomou un taxi en Ordes ao faro de Fisterra

La Voz SANTIAGO

FRADES

O home, de 69 anos, complexión forte e 1,70 de altura, vestía pantalón gris, camisa de cadros e chaqueta azul escuro. A procura retómase hoxe na zona do faro de Fisterra. Catro patrullas, o Servizo Aéreo da Garda Civil, os drons de Axega, unha patrulla de Policía Local, e outra de Protección Civil, percorren a costa

24 abr 2025 . Actualizado á 15:13 h.

Xiro radical na procura do sexagenario de Frades desaparecido na tarde do martes. E é que a difusión da imaxe de José Antonio Carro Lata, veciño de Papucín de 69 anos, fixo que un taxista de Ordes contactase co operativo de procura para informar de que o trasladara nesa mesma tarde ao faro de Fisterra. Unha noticia que provocou que non se retomase a procura na zona de Frades e Ondas (Mesía) iniciada na mañá do mércores con efectivos de Guardia Civil, tamén con cans, e Protección Civil, asi como un dron da Axega que se incorporou a última hora da mañá. Fontes municipais de Frades, que solicitaran colaboración veciñal para buscar ao home na zona, aseguran que a procura se trasladou a Fisterra á vista desa nova pista, con participación da Garda Civil e colaboración do Concello fisterrá coa incorporación ao dispositivo da súa Policía Local e Protección Civil.

 

Este xoves a procura continúa na zona do faro de Fisterra, onde catro patrullas -unha delas, do Seprona, con motos-, o Servizo Aéreo da Garda Civil, os drons de Axega, unha patrulla de Policía Local, e outra de Protección Civil, percorren a costa. 

Onte, xa se barallaba que o suposto avistamento do sexagenario en Ondas, en Mesía, o martes ás cinco da tarde puido ser erróneo. O camiño que tomaría o desaparecido cando deixou a súa casa o martes ao mediodía sería o de Ordes.

O desaparecido, xubilado tras traballar como transportista e que vive coa súa muller e fillos en Papucín, mide 1,70 metros de altura e é de complexión forte. No momento da desaparición vestía pantalón gris, camisa de cadros finos marróns e amarelos e unha chaqueta azul escuro coas letras DAF; calzaba zocos.