Unha banda sonora con toque brionés para o San Xoán

P. C. SANTIAGO / LA VOZ

BRIÓN

C Mirazo, artista de Bastavales.
C Mirazo, artista de Bastavales. CEDIDA

O artista de Bastavales C Mirazo asina a dúo con Sky J a canción «Lume», dedicada ás cacharelas, as meigas, o crepitar do lume e as foliadas

24 jun 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O brionés C Mirazo fixo a súa propia homenaxe ás cacharelas, as meigas, o crepitar do lume e as foliadas. Xunto ao coruñés Sky J, o cantante de Bastavales dedica unha canción á noite de San Xoán, Lume, no seu propósito por facer música para Galicia representativa desta identidade propia e do costumismo local. O que foi un dos pioneiros do trap galego segue na senda dos sons urbanos transfronteirizos e na súa combinación con melodías típicas dos xéneros nacionais como a muñeira.

Agora, coincidindo precisamente co día de San Xoán, lanzaron unha acción en redes sociais apoiada por distintos artistas do panorama galego como Lora, O Portugués ou Rhome baixo o hashtag #Lume, invitando a que os galegos compartan co resto do mundo as súas queimadas, sardiñadas, conjuros e cacharelas coa súa nova canción como audio das publicacións. Está previsto, ademais, que varios artistas galegos participen nun remix de Lume .