Munín pide colaboración e anuncia consenso como alcalde de Boqueixón

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

BOQUEIXÓN

Xoán A. Soler

O novo rexedor sinalou que «hai que facer as cousas con sentido común, honestidade e transparencia»

08 dic 2016 . Actualizado ás 22:11 h.

O Concello de Boqueixón consumou en apenas dez minutos o cambio de alcalde tras a renuncia de Ovidio Rodeiro debido ao seu nomeamento como delegado territorial da Xunta. O seu substituto no cargo, como estaba previsto, é Manuel Fernández Munín, número dous da candidatura popular e sen experiencia política ata este mandato.

A elección foi nominal e Manuel Fernández Munín levou todos os votos dos oito concelleiros do Partido Popular, entre os que xa se atopaba a nova edila, Ana Alonso. Pola súa banda, a agrupación Veciñ\s de Boqueixón rabuñou os tres votos dos seus concelleiros para Xabier Canabal.

Fernández Munín optou pola fórmula de prometer o cargo e antes de ordenar o fin da sesión deu o seu primeiro discurso como alcalde. Tras agradecer a confianza que recibira, o xa rexedor sinalou que o cargo de alcalde esixe «sobre todo, o compromiso de traballar arreo nun obxectivo prioritario: ser útil aos veciños, e para iso hai que facer as cousas con sentido común, con honestidade e con transparencia».

O primeiro edil incidiu en que «O Concello de Boqueixón non se fai só dende a alcaldía ou dende o grupo de goberno» polo que fixo un chamamento «á colaboración de toda a sociedade». E sobre a súa forma de gobernar avanzou que «sempre tentarei buscar o máximo consenso nas decisións que teña que tomar. Estou convencido de que a capacidade de escoitar ten que ser unha das maiores cualidades dun alcalde, polo que serán benvidas as ideas e opinións de todos».

A oposición ve «unha fraude» a marcha de Rodeiro e esixe que só haxa unha dedicación exclusiva

Concluída a sesión plenaria para elixir ao novo rexedor, Xabier Canabal, candidato da agrupación Veciñ\s de Boqueixón, cuestionou novamente o cambio na alcaldía do municipio, ao entender que a marcha de Ovidio Rodeiro supuña «un fraude á veciñanza». Tamén cuestionou que o exregidor «ás primeiras de cambio abandone o Concello para facer carreira política persoal cando pasou pouco máis dun ano da súa elección».

Como primera medida, el representante da agrupación veciñal anunciou que o seu grupo trasladará a Munín as mesmas demandas que no seu día fixo a Ovidio Rodeiro e que non foron atendidas. Unha delas é que o Concello de Boqueixón non manteña, como ocorre no presente mandato, dúas dedicacións exclusivas, unha a que lle correspondía a Ovidio Rodeiro como rexedor; e outra, a asignada a Jesús Sanjuás, exalcalde deste municipio e actual responsable das áreas de goberno de Servizos Xerais, Seguridade e Medio Ambiente.