O Barbadás non fallou na súa primeira final pola permanencia en Vos Carrís (2-0)

ARZÚA

Miguel Villar

Juanma e Xinzo marcaron os goles que tombaron ao pechacancelas

28 abr 2024 . Actualizado á 00:56 h.

A Terceira Federación está que arde por arriba e por abaixo, polo que custa sumar calquera punto. Iso sabíano no Barbadás e non se fiaron dun Arzúa que chegou desafiuzado a Vos Carrís. Non concedeu facilidades, aínda que tampouco puido frear aos de Agustín Ruiz, que se impuxeron 2-0.

O control e a iniciativa do choque asumiuno o cadro azulón desde o inicio, pero os de Alberto Mariano defendéronse con orde e dificultaron moito as proxeccións atacantes dos de casa. Borja era un mero espectador e foi Juanma o que abriu a lata, grazas a un obús que se envenenó ata converterse en inalcanzable para Freire. O 0-1 deulle ás a un Barbadás que seguiu dominando ata o descanso.

De volta ao terreo de xogo, os anfitrións seguiron empurrando en busca da sentenza, pero o enfrontamento abriuse máis e o faroliño vermello estirouse un pouco máis. Os visitantes acusaron a lesión temperá do seu home máis dotado para o gol, Iker Hurtado e apenas crearon perigo. A importancia dos puntos en xogo para o Barbadás elevaban ao máximo a incerteza, posto que non era capaz de pechar a vitoria, pero nos últimos compases, o penalti transformado por Xinzo sentenciou un duelo no cal o resultado era prioritario.

VDE BARBADÁS (2): Borja, Gabri, Ribao, Villarino, Cuña (Xinzo, min 76), Juanma, Brayan, Rivero (Javi García, min 76), José Ramón (Litos, min 85), Isma (Osian, min 62) e Gabi (Nespereira, min 76). 

CSD ARZÚA (0): Freire, Lucas, Cristóbal (David González, min 72), Catu, Chucas (Manu Vilariño, min 80), Izan, Murilo, Micha, Sander, Lautaro e Iker Hurtado (Suso, min 29).

GOLES: 1-0, min 21: Juanma; 2-0, min 90: Xinzo, de penalti.

ÁRBITRO: Represas Rodríguez, do comité da Coruña. Mostrou cartolinas amarelas a Juanma, Villarino no bando local; así como aos visitantes Murilo e Chucas.

INCIDENCIAS: Vos Carrís, partido da xornada 31 da Terceira Federación.