O Concello de Arzúa incorpora dous operarios dunha empresa externa ao servizo de limpeza

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol ARZÚA / LA VOZ

ARZÚA

SANDRA ALONSO

A contratación, efectiva desde mañá, obedece ao déficit de persoal, con cinco traballadores na recollida de lixo

18 feb 2024 . Actualizado á 05:05 h.

O Concello de Arzúa incorporará mañá a senllos operarios ao servizo municipal de limpeza e de recollida de lixo. Son dous traballadores da empresa que a administración local contratou durante dous meses para paliar a falta de persoal que, desde hai tempo, arrastra o servizo. Empezou a acusar ese déficit o pasado setembro, pero non foi ata finais do ano pasado cando se agravou a situación, segundo indican desde o goberno arzuán, que conclúe, así, un procedemento de contratación, resolvido tras o estudo das ofertas de tres empresas diferentes.

A limpeza e recollida de residuos sólidos urbanos, que xestiona directamente o Concello arzuán, dispón, nestes momentos, de 5 traballadores; todos eles desempeñan labores asociados ao transporte que, en dous camións, percorre o centro urbano e as parroquias para o baleirado dos colectores, e o posterior traslado do lixo a Santiago, desde onde, despois, envíase á planta de tratamento de Sogama no municipio de Cerceda. Esa rutina, que ocupa unha xornada laboral de sete da mañá a dúas da tarde, impide derivar persoal á limpeza das rúas, que está sen cubrir ao estar un dos operarios de baixa, e concluír o contrato do traballador que o Concello arzuán incorporou ao servizo a través do Aprol —un programa da Xunta de Galicia para o fomento de emprego—.

A inmediata incorporación de dous operarios da empresa contratada ata finais de abril resolve a urxencia de contar con máis persoal, tendo en conta que, en dúas semanas, a localidade arzuá será un fervedoiro de xente con motivo da celebración da Festa do Queixo.

Bolsa de emprego

O déficit de traballadores no servizo municipal de limpeza e recollida de lixo persistirá, transcorrido a primeira fin de semana de marzo. Son conscientes no tripartito municipal (BNG- Alternativa por Arzúa- PSdeG), que, de feito, convocou, a mediados de xaneiro, un proceso selectivo para a creación dunha bolsa de emprego de barrenderos. Será necesaria. Dos cinco operarios do transporte de residuos, un está ás portas da xubilación.

A situación «foi de menos a máis con baixas e o fin de contratos»

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril (BNG), asegura que a falta de persoal no servizo de limpeza e recollida do lixo «foi indo de menos a máis con baixas dos operarios do servizo de limpeza, e o remate dos contratos do Aprol». Por iso, «se decidiu sacar unha bolsa de emprego para cubrir esas baixas», explica o rexedor nacionalista. «Sabemos que leva o seu tempo e Arzúa non pode seguir sen servizo de limpeza viaria», engade Carril, que lembra que a contratación durante dous meses dunha empresa externa tamén se decidiu en aras a resolver unha situación, afirma, «puntual». Con igual obxectivo, o alcalde de Arzúa avanza unha terceira vía que permitirá dispor de máis persoal para cubrir as necesidades do servizo. «Arredor do mes de abril, teremos tamén aos traballadores do PEL 2024», adianta en referencia ao programa provincial de fomento de emprego.