Patrimonio estuda como actuar ante os restos arqueolóxicos da Casa de Correos de Arzúa

La Voz ARZÚA / LA VOZ

ARZÚA

10 abr 2021 . Actualizado ás 05:05 h.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta xa trasladou a Arzúa a técnicos do departamento para ver «in situ» os restos arqueolóxicos que apareceron na antiga Casa de Correos , coincidindo coas obras de rehabilitación que están a se executar no inmoble cun investimento de 600.000 euros do Ministerio de Transportes. O persoal de Patrimonio reuniuse cos arquitectos encargados da intervención, segundo a Consellería de Cultura, que só avanzou que «neste momento estanse estudando as posibles actuacións a realizar».

Á espera de que transcenda a valoración que fixeron do achado os técnicos de Patrimonio, e a proposta de intervención pola que se decantarán, escóitanse xa voces partidarias de pór en valor o que o profesional encargado do control arqueolóxico da obra, Santiago Vázquez Collazo, cre, a priori, que son restos estruturais dun convento agostiños do século XIV, do que unicamente se conserva a actual capela da Madanela, en pleno Camiño Francés ao seu paso pola zona vella de Arzúa. Desde o museo etnográfico de Melide expresaron publicamente, no perfil en Facebook do Concello arzuán, a súa satisfacción polo achado. «Unha formidable nova, e tamén unha excepcional oportunidade para musealizar os achados in situ», apuntan desde a galería, no seo da que consideran que se trata duns restos arqueolóxicos «prometedores e relevantes». De avogar Patrimonio por unha escavación manual que, segundo o arqueólogo da obra, permitiría determinar a natureza do achado, o seu musealización no lugar «suporía darlle unha notabilidade á posta en valor da Casa de Correos. É un valor engadido que hai que aproveitar, xa que salienta a relevancia do pasado baixomedieval de Arzúa», defenden desde o museo.