A Policía Local de Ames busca a un condutor que fuxiu ao atropelar a unha muller

La Voz SANTIAGO

AMES

Álvaro Ballesteros

Pide colaboración cidadá para localizar un Seat Córdoba branco, cun alerón, un golpe na parte dianteira e o parabrisas roto

03 mares 2024 . Actualizado ás 22:02 h.

A Policía Local de Ames mantén activado un dispositivo de procura para localizar á persoa que conducía un vehículo de cor branca, concretamente un Seat Córdoba, por un atropelo ocorrido sobre as nove da noite do pasado venres, día 1, na rúa Agro do Medio, na área urbana do Milladoiro (Ames). A vítima é unha muller que tivo que ser trasladada ao Hospital Clínico para ser atendida das feridas provocadas polo atropelo.A identificación do vehículo prodúcese tras a información solicitada no lugar do atropelo. A Policía Local de Ames ten máis datos: o Seat Córdoba de cor branca tiña un alerón e un golpe na parte dianteira e o parabrisas roto.

Segundo testemuñas que se atopaban no lugar, que auxiliaron á muller ata que recibiu asistencia médica e foi trasladada ao Clínico para ser atendida, o ocupante do vehículo escapou en dirección Padrón. Esta mañá, segundo confirmou a Policía Local, a investigación seguía aberta, con pistas para localizar á persoa que se deu á fuga. Os axentes locais manteñen aberta a solicitude de colaboración cidadá que lanzaron o sábado pola mañá para localizar e poder identificar ao ocupante do turismo que fuxiu do lugar. As persoas que teñan algunha información, resalta a Policía Local, poden chamar ao teléfono 619 76 75 75.