O programa de emprego de Ames e Brión ofrece cen prazas e o 50 % de inserción laboral

La Voz SANTIAGO

AMES

cedida

A edición de 2022-2023 concluíu o pasado 16 de novembro superando o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40 %

03 dic 2023 . Actualizado ás 05:05 h.

Os concellos de Ames e Brión ofrecen cen prazas para participar nunha nova edición do programa integrado de emprego 2023-2024, que ten prazo de inscrición aberto ata o 12 de xaneiro. Nesta ocasión, as persoas desempregadas participantes formaranse nos sectores do comercio, almacén, lecer e tempo libre, turismo, idiomas e novas tecnoloxías. A edición de 2022-2023 concluíu o pasado 16 de novembro superando o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40 % do total das persoas participantes, e chegou case ao 50 %.

Para participar no programa, as persoas interesadas, dos concellos de Ames e Brión, deben estar inscritas como demandantes de emprego e formar parte dalgún destes tres colectivos: menores de 30 anos, maiores de 45 anos e mulleres. Os participantes, que percibirán unha bolsa de dez euros día pola asistencia, poden elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén poderán recibir formación de carácter transversal: talleres de entrevistas, procura activa de emprego, manipulación de alimentos, primeiros auxilios, habilidades sociais e comunicación, marca persoal, etcétera.