O punto limpo de Ames aumenta usuarios tras as campañas de reciclaxe

e. a. r. SANTIAGO / LA VOZ

AMES

Carlos Folgoso

En febreiro rexistrou 588 depósitos, 109 máis que no mesmo mes do ano pasado

18 mares 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

O Concello de Ames promoveu nos últimos anos variadas campañas de concienciación sobre reciclaxe, invitando a veciñanza a utilizar as instalacións do punto limpo, situadas no polígono Novo Milladoiro.

E a tenor das últimas estatísticas de funcionamento do servizo, as iniciativas municipais dos últimos meses, entre as que destaca a edición dun calendario con distintos puntos negros, están dando os seus froitos.

Así, o número de entradas no punto limpo durante o pasado mes de febreiro foi de 588, mentres que no mesmo período do ano anterior foron 479, e ese incremento de 109 depósitos é moi superior ao que correspondería a un día máis de servizo (este ano foi bisiesto).

O Concello recoñece que «os incrementos foron notables en practicamente todos os residuos recollidos: luminarias, baterías, madeira, voluminosos (sofás e colchóns), aparatos eléctricos e electrodomésticos, pneumáticos fora de uso ou envases baleiros contaminados».

Blas García, edil de Servizos Básicos, resalta «a incidencia positiva que están tendo as campañas de sensibilización», pero matiza «que é necesario seguir incidindo para concienciar á veciñanza sobre o deposito incontrolado de voluminosos».

Para favorecer un maior uso do servizo de depósito de residuos que polo seu volume ou composición non se poden guindar aos colectores habituais de residuos, o Concello de Ames proxecta un novo punto limpo na contorna de Bertamiráns.

Como paso previo, o pasado 29 de febreiro instalouse na praza do Concello de Bertamiráns un punto limpo móbil, que consistiu nun vehículo adaptado para a recollida selectiva.

Segundo recoñece o Concello, este sistema portátil xerou gran curiosidade entre a veciñanza, interesado nesta fórmula que se puxo en marcha en Bertamiráns por vez primeira.

A unidade móbil recolleu pinturas, vernices, baterías, pequenos aparellos eléctricos, electrodomésticos, cedés, deuvedés e lámpadas, entre outros compoñentes contaminantes.