A senda entre Brión e Santiago está en obras no tramo entre Roxos e A Barcia

E. A. R. SANTIAGO / LA VOZ

AMES

CEDIDA

Deberá estar rematada no 2019 e o seguinte tramo, entre Roxos e Aldea Nova, en Ames, está pendente do decreto de declaración de obra pública

17 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O proxecto da Consellería de Infraestruturas para abrir unha senda peonil de seis quilómetros que unha Brión con Santiago, atravesando Ames e seguindo o trazado de estrada AC-543, ten desde onte un novo tramo en obras. Trátase do traxecto de 2,4 quilómetros entre os núcleos composteláns de Roxos e A Barcia, unha intervención licitada por 1,1 millóns de euros, aínda que a empresa adxudicataria rebaixou o orzamento en 216.000 euros.

Esta senda deberá estar rematada a principios do 2019, xa que o prazo de execución do contrato é de seis meses. A vía terá un ancho mínimo de 1,8 metros, un firme de formigón coloreado para que poida diferenciarse do asfalto da estrada e incorporará unha pequena pasarela de madeira para sortear un regacho.

O seguinte tramo, entre Roxos e Aldea Nova, xa en chan de Ames, está pendente do decreto de declaración de obra pública, un trámite que, segundo avanzou onte a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, quedará resolto nas próximas semanas. Neste caso, o trazado será de 980 metros e o orzamento de execución acada 360.000 euros.

Cando ambos os proxectos estean rematados, a comunicación a pé ou en bicicleta ata Santiago desde Brión será unha realidade, xa que o trazado entre as urbanizacións Monte Devesa e Aldea Buio está listo, do mesmo xeito que o de Vidán-Santiago.

Infraestruturas tamén iniciou onte obras de reforzo do firme entre Bertamiráns e Negreira, orzadas en 750.000 euros.