Só 2 das 6 novas farmacias prevense en parroquias onde agora non hai ningunha
AMES
Os 25 municipios da zona compostelá sumarán 146 boticas, das que 68 están en Santiago e seguiríanlle Ames con 11 e Teo con 7
26 may 2017 . Actualizado á 05:00 h.Das seis novas farmacias que contempla o borrador do decreto que prepara a Consellería de Sanidade, catro situaranse en parroquias onde xa a teñen pero creceu a poboación e as outras dúas onde non dispoñen agora de ningunha.
Así, das tres que se contemplan para Ames, unha en Biduído e outra en Ortoño sumaranse a boticas xa existentes; e a de Covas, unha parroquia con 953 habitantes segundo o padrón do ano pasado, será novidade. En Teo autorízase unha nova farmacia na parroquia de Calo, onde xa hai unha. O mesmo ocorre na parroquia dos Ánxeles, en Brión. A de Val do Dubra autorízase en Portomouro, onde están censados 362 habitantes e sumarase á de Bembibre.
Deste xeito, entre os 25 municipios da zona compostelá sumarán 146 boticas, unha vez que abran as novas.
A maioría, 68, están radicadas en Santiago, onde non se prevé aumentalas. Seguiralle Ames con 11 e Teo con 7. A continuación situaranse Santa Comba con 6 e Ordes con 5.
Brión pasará a ter 4 farmacias, as mesmas que xa funcionan agora en Melide ou en Padrón. Manteranse con 3 farmacias os municipios de Arzúa, A Baña, Boqueixón, Negreira, Oroso e O Pino.
Con dúas farmacias mantéñense Dodro, Frades, Rois, Tordoia, Touro, Trazo e Vedra, aos que tamén se sumará Val do Dubra.
E continuarán cunha única farmacia aberta en Boimorto, Santiso e Toques, segundo os datos facilitados por Sanidade. A consellería considera como zonas urbanas só a Santiago e Ames; semiurbanas a Ordes e Teo; e rurais ao resto de municipios, segundo o borrador polo que se pretende aprobar o novo mapa farmacéutico autonómico.
Unha vez que se aprobe o decreto, as novas oficinas de farmacia adxudicaranse «por concurso público», indica.