O Mundial que nos vén

La Voz

RUSIA 2018

Javier Etxezarreta

A fase final abrirase cuns cuartos que combinan presenza de favoritos con revelacións que non descartan a badalada

05 jul 2018 . Actualizado á 05:00 h.

Talento croata para superar ao ultradefensivo equipo ruso

O fútbol non move o corazón dos rusos, aínda que ao ser o Mundial de casa os estadios están fartos e a xente envorcouse coa súa selección. A rusa é unha liga menor en Europa, sen grandes estrelas. Pasar a oitavos xa era para eles un éxito. Agora, tras eliminar a España, soñan con gañar o Mundial.

Xogan enrocados en defensa, sen deixar espazos, non queren a pelota e buscan algunha contra ou accións a balón parado para crear perigo. Unha racanería que foi efectiva e levounos ata os cuartos de final. Alexander Golovín e Chéryshev, formado na canteira do Real Madrid, son os que marcan algunha diferenza técnica. Rusia ocupa o posto 70 no ránking da FIFA

Croacia é unha selección infestada de talento, Luka Modric, Rakitic, Mandzukic e Ante Rebic, que despuntou neste Mundial, son as súas estrelas. Saben o que se atoparán e deberán analizar os erros cometidos por España para non tropezar na mesma pedra.

Os croatas teñen por diante unha oportunidade de ouro para facer historia neste Mundial e emular á xeración de Francia 98. A selección non parou de crecer. Daniel Subasic, o seu porteiro, só recibiu un tanto no que vai de Mundial.

suecia - inglaterra

Kane, a mellor arma para derrubar o muro sueco

Suecia volveu a meterse entre os oito mellores do mundo 24 anos despois de que o lograse nos Estados Unidos, en 1994, Mundial no que acabou terceira. Os suecos viven a súa etapa pos Ibrahimovic, a súa grande estrela na última década, que renunciou á selección tras a Eurocopa do 2016. Tras estar á sombra dun crac, a súa lema agora é «xuntos seremos máis fortes». Suecia non é brillante, aínda que prevalece o equipo e o colectivo por amais de calquera outra consideración. A súa virtude é o traballo defensivo, non encaixar goles. Na repesca para o Mundial deixou fóra a Italia, e na fase de grupos, a Alemaña. Serios avisos da súa proposta.

Inglaterra ten nas súas filas a Harry Kane, o pichichi do Mundial con seis tantos (tres deles de penalti). É un futbolista que ten gol e que vive cómodo na área. Pode abrir a lata. Kane só é a punta do iceberg dunha selección inglesa que dá paso a unha nova xeración. A media é de 25,9 anos, a terceira máis baixa por detrás de Nixeria e Alemaña. O porteiro Pickford, o heroe parapenaltis fronte a Colombia, ten só 24 anos.

Os ingleses viven subidos nunha nube e fixeron esquecer aos David Beckham, Lampard, Steven Gerrard, Rooney e compaña.

brasil - bélgica

Un cruzamento con ingredientes de partido memorable

O Brasil-Bélxica ten moitos boletos para ser o partido do Mundial. Polo favoritismo dos suramericanos para gañar o título, polo nivel que están a dar os europeos, polo fútbol atrevido polo que ambos poden apostar (no caso dos belgas non hai dúbida) e pola constelación de excelentes peloteros que se darán cita sobre o verde.

Brasil, que ten a baixa de Casemiro por sanción, chega ao penúltimo paso antes da final en ascenso. Con Neymar recollendo a testemuña de Coutinho, que foi o primeiro en acelerar. Ademais, Tite foi capaz de combinar fútbol e músculo, enterrando a canarinha industrial de Felipão e recuperando a esencia do xogo brasileiro pero a partir da orde defensiva.

Roberto Martínez, o catalán que goberna Bélxica desde o banco, deu coa tecla para conseguir que a mellor xeración -por amais dos míticos Pfaff, Vercauteren e Ceulemans- faga do seu fútbol unha perfecta sinfonía, capaz de marcar 12 goles en catro partidos a partir dun 3-4-3 que o di todo: riscos en defensa e pegada en ataque.

Os dous contendentes chegan a cuartos con partidos épicos ás súas costas. Brasil ante Costa Rica e Bélxica remontando dous goles nun amén para cargarse a Xapón.

uruguay - francia

O espírito charrúa como arma ante a velocidade gala

O espírito do Uruguai, aínda que sexa sen Cavani, case descartado, fronte á velocidade de Francia. Un choque de estilos por unha praza en semifinais.

Uruguai converteuse no segundo equipo de moitos. Pola súa combatividade, un sistema defensivo que raia a perfección, un centro do campo con xogadores emerxentes que lle dá o toque de calidade, e a súa pegada. Así executou o seu plan perfecto: catro partidos e catro vitorias. O gran problema é que mañá lle faltará o seu máximo goleador, Edinson Cavani, que causará baixa por unha lesión no xemelgo.

A baixa dun dos grandes puntais achanda o camiño dunha Francia que foi a máis tras un discreto inicio que obrigou a Deschamps, que gañou a única estrela de Francia como xogador, a axustar o seu plan: Meter a Giroud como dianteiro boia para abrir espazos para Griezmann e deixar o campo aberto para as carreiras e habilidade de Mbappé, que no duelo de oitavos ante Arxentina foi o mellor de longo. Os tres, arroupados por un centro do campo con músculo e fútbol.

A diferenza entre ambos está no fondo de armario. Francia levou a Rusia unha convocatoria de ilusión e no Uruguai Tabárez cre cegamente no once tipo. Stuani, o dianteiro do Xirona, será a gran novidade por esixencias do guion.