Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

Das fotos estilo Ghibli ás portadas con IA: que pasa cos dereitos de autor e a intelixencia artificial?

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

REDE

iStock

O uso de modelos xenerativos para crear imaxes cunha estética concreta volveron a pór sobre a mesa un debate xurídico, pero tamén social. Está a IA acabando coa arte?

27 may 2025 . Actualizado á 10:29 h.

O recordo dunhas vacacións, unha voda, un día calquera ou daquel familiar, todo coma se o debuxaría o Studio Ghibli. É posible xerar imaxes que copian o inconfundible modo de facer dos creadores de películas como O meu veciño Totoro e A viaxe de Chihiro. A pregunta é se merece a pena. Para Hayao Miyazaki, director de Studio Ghibli, non. De feito, criticou o uso da intelixencia artificial na creación artística, ata o punto de que lle parece «un insulto á mesma vida».

O uso de intelixencia artificial no ámbito da creación artística é un debate que leva tempo dándose, non só desde o ámbito filosófico. Quen é a propietaria das imaxes, como se adestran os algoritmos para xerar un estilo concreto, é ou non plaxio unha imaxe que reproduce un estilo determinado... en definitiva, que pasa cos dereitos de autor no ámbito da intelixencia artificial?

«É complicado». Admíteo Begoña González, profesora colaboradora dos Estudos de Dereito e Ciencia Política da UOC. Existe un dereito internacional, plasmado no convenio de Berna, pero no ámbito europeo non existe unha aplicación única, porque a harmonización se fixo a través de directivas, que son normas de mínimos. «Así que non temos o mesmo número de excepcións ao dereito de autor, nin o mesmos mecanismo nalgúns casos, os dereitos morais non están harmonizados». Ao final e aínda que os tribunais europeos foron harmonizando «pola porta de atrás», hai diferentes aplicacións segundo o país.

Copiar masivamente un estilo tan asociado ao seu autor ou estudo pode ser ilegal, aínda que non se copie unha obra concreta,. A lei de competencia desleal establece que inducir confusión ou explotar a reputación allea constitúe unha práctica ilícita. E pode existir un risco de dilución de marca non rexistrada se se demostra que o estilo é distintivo e coñecido.

Pero todo depende de quen xera as imaxes. Se hai plataformas ou empresas que utilizan estilos recoñecibles para adestrar ou producir contidos que compiten no mercado, existe risco claro de aproveitamento indebido, alerta González Otero. Se son usuarios particulares que crean imaxes de uso privado, «calquera acción directa contra eles sería desproporcionada».

En realidade, no que a dereitos de autor e intelixencia artificial refírese hai moitos ámbitos polémicos. Un deles ten que ver co material co que as empresas de desenvolvemento de IA adestran os seus algoritmos. «Non se trata só de se están a utilizar material protexido», di a profesora da UOC.

Se non se poden adestrar os modelos coa maior variedade de obras ou de contidos posibles, increméntanse as posibilidades de nesgo e de alucinacións. E ademais, se con eses modelos hai un lucro (e de feito a maioría das plataformas ofrecen unha subscrición de pago con máis funcionalidades) estaríanse a utilizar obras sen ser remuneradas.

O ano pasado, o gremio da ilustración xa reclamou que se puxese coto ao uso de portadas xeradas con intelixencia artificial para os libros e defendían que o problema non era a tecnoloxía, senón que se adestraba con material protexido pola propiedade intelectual. 

«O quid da cuestión é ese», di a profesora da Universitat Oberta de Catalunya. «Copiar e reproducir non é o mesmo», explica. A lei, para fomentar que se siga creando, outorga ás persoas creadores unha serie de prerrogativas para poder controlar o que se creou. Está o dereito para prohibir, por exemplo, a facultade de distribuír, reproducir ou transformar a obra, entre outras. 

A pregunta do millón é que enténdese por reprodución da obra, e non é unha pregunta para nada nova, porque a inicios do século XXI xurdiu o debate sobre as copias privadas a raíz de programas P2P, como Napster, emule e Bittorrent. 

Que é reproducir a obra é o núcleo mesmo do debate. A sociedade de xestión de dereitos de autor de Alemaña ten un procedemento aberto contra OpenAI, porque entenden que se hai reprodución os autores teñen dereito a compensación. Pero se se entende que non hai reprodución, non hai vulneración de dos dereitos de autor.

Volvamos ás imaxes do estilo Ghibli. «Aí falas do output, do final, pero para que o meu modelo de IA xenerativa poida facer dunha foto que eu suba unha imaxe estilo Ghibli, ou estilo Pixar, teño que adestralo con outras dese tipo». E é aí onde está o problema da reprodución do «estás a adestrar sen pedirme permiso».

 O debate pódese levar tamén máis aló dos dereitos de autor. Trátase tamén do tipo de sociedade que se quere crear. Ás veces, o discurso sobre o copyleft e o software libre utilízase para «crear unha argumentación que favoreza a certos operadores do mercado, que neste caso son os que producen os modelos de intelixencia artificial», di González.

A profesora da UOC pon sobre a mesa tamén o asunto da transparencia. Saber como se adestrou o modelo e analizar se hai nesgos ou algún tipo de discriminación nos resultados «necesito ir cara atrás, facer unha enxeñería inversa». Fiarse das recomendacións sen ver se é transparente é tamén un problema ético. 

Quelic Berga Carreiras, profesor dos Estudos de Informática, Multimedia e Telecomunicación da UOC e investigador do grupo DARTS, considera que casos como o de Studio Ghibli representan unha flagrante apropiación cultural. «Estamos a pedir á máquina que copie o estilo sen prexuízos nin filtros, co que banalizamos unha arte que se basea no coidado, o detalle e o respecto», di o profesor. As súas palabras lembran ao adxectivo que utilizou Miyazaki: grotesco. 

O investigador da UOC alerta de que este fenómeno non é unha simple homenaxe estética, senón un extractivismo cultural que trivializa referentes profundamente humanos. O uso que se está facendo da intelixencia artificial na actualidade vén reproducir  unha forma de colonialismo sobre culturas alleas, ao extraer trazos recoñecibles e desposuílos do seu significado profundo para a súa explotación masiva.

E iso xera riscos para a creación. O primeiro é a perda de autoestima creativa. Competir cunha  máquina capaz de imitar estilos de forma espectacular pero sen alma pode desmotivar aos creadores humanos e afectar á súa confianza e motivación.

«Valente puta merda. Ata se poden adiviñar os prompts utilizados con só unha simple ollada a estas imaxes tan zafias e faltas de creatividade e imaxinación», dicía nun post de Instagram o debuxante David Rubín sobre a ilustración con IA

A xeración masiva de imaxes con intelixencia artificial provoca un desdibujamiento cultural progresivo: o cruzamento indiscriminado de estilos, fomentado polas IA, xera unha «hibridación extrema» que borra as referencias culturais sólidas e converte a creación nunha colaxe superficial sen raíces, explica o profesor da UOC.

 E, finalmente, prodúcese un fenómeno de crecente banalización da arte: canto máis se propagan as imaxes espectaculares xeradas por IA, máis se baleiran de contido. O sentido social da arte desaparece e é substituído só pola aparencia. Pola estética. O propio Hayao Miyazaki, fundador de Studio Ghibli, criticou no 2016 o uso de intelixencia artificial para replicar movementos humanos: «Non entendedes o sentido do esforzo humano». Resúmeo así Berga: «O risco non é só perder o control sobre a creación, senón acostumarnos a unha mediocridade estética que trivializa a arte e a cultura».