Penas de cárcere, pero sen ingresar en prisión, por un secuestro exprés en Sanxenxo

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

SANXENXO

GARDA CIVIL

Os catro acusados chegaron a un acordo coa fiscala asumindo tres anos de condena e multas

28 may 2024 . Actualizado á 15:08 h.

Non se celebrou xuízo, só unha vista a porta pechada na que os catro acusados dun secuestro exprés ocorrido en decembro do 2017 en Sanxenxo recoñeceron a súa participación no rapto e aceptaron as penas finalmente solicitadas pola fiscala. Deste xeito, e aplicando as atenuantes de dilacións indebidas e de confesión, o acordo de conformidade establece a imposición de dous anos de prisión por un delito de detención ilegal, unha ano polo roubo con violencia e unha multa por unha estafa continuada.

A pesar de que estas penas suman máis de dous anos de cárcere, os procesados non terán que pisar un centro penal despois de que se acordou a suspensión da pena privativa de liberdade. Esta medida esta condicionada, no caso do procesado como cómplice, a que non delinca durante dous anos e a que se abone a indemnización á vítima establecida en 2.080 euros, mentres que no suposto dos seus tres compañeiros de banco, os considerados autores materiais do secuestro, ademais destes dous condicionantes deberán abonar, a maiores, unha multa.

A fiscala, de igual modo, precisou que a vítima, tempo atrás, renunciou a comparecer como acusación particular. Este mozo, veciño de Sanxenxo, foi abordado no aparcamento da praia da Lanzada na noite do 7 de xuño do 2017 cando regresaba de facer deporte e dispoñíase a regresar a casa no seu coche.

Deste xeito, dous dos acusados, cubrindo o seu rostro con pasamontañas, abalanzáronse sobre el e agarráronlle do pescozo, á vez que lle esixían que lles entregase a súa carteira, que gardaba 240 euros. Logo retirarían co seu cartón outros 340 euros para finalmente liberalo unha vez a súa familia pagou 1.500 euros do rescate.