Os GES só poderán realizar tarefas de prevención de urxencias e protección civil

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

SANXENXO

RAMON LEIRO

Na provincia funcionan sete grupos supramunicipais

28 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os grupos de urxencias supramunicipais, os chamados GES, estarán a partir de agora especializados en tarefas de prevención de urxencias e de protección civil. Así o establece o novo convenio subscrito pola Xunta, un acordo que substitúe ao do ano 2013 -cando se crearon estas agrupacións- e que se presentou este xoves na Delegación Territorial de Pontevedra. Segundo explicou a directora xeral de Administración local, MartaFernández -Tapias, co convenio garántese a prestación dun sistema de atención ás urxencias en todo o territorio galego.

Ademais do financiamento, o novo marco delimita as funcións dos GES para que estean especializados en tarefas de prevención de urxencias e de protección civil. Ata agora había queixas porque nalgúns municipios os membros destes grupos de intervención realizaban outras funcións para os concellos. En Galicia son 27 os grupos operativos, dos que sete están na provincia de Pontevedra. Son os GES da Estrada, A Guarda, Lalín, Nigrán, Ponteareas, Sanxenxo e Valga . Están cofinanciados con fondos europeos a través do Feader e a Xunta asume o 52,5 % do custo total.

As actuacións asignadas aos GES son a prevención de incendios forestais e urbanos e as intervencións en situacións de risco e de urxencia para manter a rede de estradas ou en situacións derivadas de riscos naturais. Tamén poden colaborar con protección civil ante calquera situación que implique riscos para persoas, bens ou o medio ambiente. En Marea cuestionou onte o convenio e lamentou que non se tivesen en conta as achegas dos profesionais.