O «peixe miúdo», entre o máis demandado esta tempada

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

M.G.

A praza de Pontevedra recupera o abastecemento normal de marisco unha vez puideron circular os camións que viñan de Irlanda e Francia

03 feb 2024 . Actualizado ás 04:48 h.

O peixe miúdo está a destacar entre as especies de peixe máis solicitadas polos clientes do mercado da rúa Sierra , en Pontevedra, á parte dos habituais como o rapante e a pixota, segundo explica Santi Pesqueira, de Peixes e Mariscos Cachadas. «A xente o que máis pide é rapante e pixota e, polo momento, peixe pequeno, que se está vendendo ben para esta época do ano, aínda que o seu prezo non é tan baixo como outras veces». Esta de unha das curiosidades que se perciben estes días neste mercado da cidade do Lérez onde, por outra banda, os días de maior afluencia seguen sendo de xoves a sábado.

Na táboa de prezos, o linguado dun quilo véndese a 33 euros, mentres que o rodaballo oscila entre os 35 e os 38. A robaliza dun a tres quilos móvese entre os 18 e os 20 euros, indo máis barata que noutros momentos do ano. A pescada do petisco de quilo e medio vai a 15 euros e a de volante a 12. Nas bancadas pontevedresas pódese tamén adquirir sanmartiño, entre 23 e 25 euros o quilo; peixe sapo, de 12 a 14; salmón, de 18 ao corte; e de 5 e 6 euros o touro. O rapante grande especial ofrécese a 16 e o mediano véndese a 14. O coruxo pódese comprar a 28 euros o quilo.

No ámbito dos que se dá en chamar peixe miúdo, o xurelo grande vai a 9 euros o quilo; a rincha ou xarda, a 8; o chincho, entre 8 e 9; a xouba de fóra, de 9 a 10; o lirio de Ribeira, de 6 a 7; e a pixota, entre 7 e 10 euros o quilo.

mariscos

O abastecemento de fóra atrasouse un día, pero xa chegou. Os problemas co transporte por camión entre Francia e España polos disturbios no territorio galo implicaron que os camións que abastecen dalgúns mariscos en vede ou procedentes de Francia e Irlanda atrasásense un día en poder servirse en Pontevedra. Liquidado o problema este xoves pola noite, o venres ofertouse xa toda a gama de produtos habituais. Nos postos, a femia de centola da ría véndese a 28 e o macho a 25 euros o quilo, mentres que a navalla vai a 15.