Reclamo, un novo espazo onde o epicentro é a arte

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

RECLAMO ESTUDO

O documental «Deserto verde» e unha exposición de TEBO, na inauguración de hoxe

13 novs 2023 . Actualizado ás 10:14 h.

Desde este domingo, Pontevedra disporá dun novo espazo onde calquera corrente artística é benvida. Reclamo Estudo, que así se chama, abrirá as súas portas na rúa Marques de Riestra coa intención de dar cabida, xa non só á arte, senón tamén a «a mediación cultural, desenvolvendo proxectos que van desde a arte téxtil, talleres, pintura mural, residencias de arte e laboratorio de serigrafía».

Trátase, xa que logo, segundo remarcan os seus promotores nunha contorna «onde crear comunidade facilitando o encontro con programación e proxectos dentro e fóra das súas paredes».

Deste xeito, tras a apertura de portas ás 11.30 horas, ao mediodía desenvolverase a primeira das dúas iniciativas coas que se celebra o nacemento de Reclamo Estudo. Así, proxectarase o documental Deserto verde, proxecto do pontevedrés Isaac Cordal no que a dirección e produción corre da man de Lois Cid e a coordinación por Reclamo Estudo.

DESERTO VERDE

Trátase dun audiovisual «froito da residencia que o artista desenvolve en setembro de 2022 na súa cidade natal», de tal modo que se centra «no proceso de creación e colocación das pezas, mentres Isaac fálanos sobre a súa obra, a maneira na que intervén e entende o espazo público e a súa preocupación polas políticas que levan á perda do noso patrimonio natural».

Deste xeito, Cordal aborda «desde a súa obra escultórica de pequeno formato o concepto de deserto verde e do greenwashing coa colocación de varias pezas na Illa das Esculturas e nas rúas de Pontevedra».

En paralelo, procederase á inauguración da exposición do artista . Deste xeito, os asistentes poderán gozar das últimas obras que o pontevedrés creou en papel e escultura.

Natural de Barcelona leva case vinte anos participando en exposicións individuais e colectivas, tanto en territorio nacional como no estranxeiro. De feito, no 2016 realizou residencias artísticas en Salamanca —repetiría dous anos despois—, Cochabamba (Bolivia) ou Baroda (India), mentres que no 2019 trasladaríase a facela á capital de Italia, Roma.

Desde Reclamo Estudo teñen claro que a mostra deste domingo «é unha oportunidade única xa que as pezas estarán expostas só durante o día da inauguración» deste novo espazo.