Ramón Marrades: «A cidade do futuro parecerase máis a Pontevedra»

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Jornada de clausura del ciclo Urbtopías en el Museo de Pontevedra
Xornada de clausura do ciclo Urbtopías no Museo de Pontevedra Capotillo

O edificio Castelao do Museo acolleu a xornada final do ciclo Urbtopías, As cidades posibles

28 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

«Se buscas en Google como será a cidade do futuro, verás coches voadores, grandes edificios... Eu creo que non. Creo que a cidade do futuro parecerase máis a Pontevedra. Unha cidade de densidade relativa, de usos mixtos, de actividades centrais...». O economista urbano e director da Fundación Placemaking Europe, Ramón Marrades, lanzou esta reflexión na última xornada do ciclo Urbtopías. As cidade posibles, no que compartiu diálogo coa arquitecta Teresa Táboas e a xornalista Susana Regueira.

Táboas entrou nese mesmo xogo afirmando que o futuro das cidades «pasa polo diálogo có campo. Cando falamos de cidades amables estamos ruralizando as cidades, metendo verde».

A arquitecta mostrou escepticismo sobre a influencia da tecnoloxía e sobre o problema que supón para a convivencia o feito de que «por primeira vez na historia da humanidade, o consumo, o ocio, a restauración entra no espazo privativo que é a vivenda. Mercamos desde casa, non imos ao cine porque témolo na casa, pedimos a comida e xa non visitamos os restaurantes...». Neste sentido, defendeu que en calquera planificación debe primar a idea de cidade «como espazo de convivencia e non de coexistencia».

Ramón Marrades quixo tamén desterrar algúns mitos falsos en ton ao urbanismo e as cidades. Na súa opinión, é falso que a oferta xere demanda; como o é pensar que as infraestruturas resolven todos os problemas; ou que a estratexia das cidades debe centrarse en atraer visitantes, inmigrantes. «É falso. Ti crea unha cidade fantástica para quen a habitan e iso xa atraerá turistas».