Denuncian a unha empresa pola falta de seguridade ao trasladar xente en cadeira de rodas

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

cedida

11 jul 2019 . Actualizado ás 17:48 h.

A Policía Local de Pontevedra denunciou a unha empresa de transporte colectivo de viaxeiros por trasladar a persoas en cadeira de rodas «sen dispoñer dos elementos de seguridade obrigatorios para evitar que os mesmos sufran lesións en caso de accidentes». Desde o Concello precisaron que, «do mesmo xeito que todos os ocupantes deben de levar posto o cinto de seguridade, aqueles que pola súa mobilidade non poidan ocupar un asento e se vexan obrigados a circular coa súa cadeira de rodas, a normativa esixe que os vehículos, normalmente autobuses, dispoñan de elementos de suxeición».

É obrigatorio, xa que logo, que cada espazo para a cadeira de rodas estea equipado cun sistema de retención que a inmobilice, de tal moco que a propia cadeira e o seu usuario permanezan sempre mirando cara á parte dianteira do vehículo. Ademais, o dispositivo de seguridade teñen que dispor de, «polo menos, dous puntos de ancoraxe e un dispositivo de retención da pelves -cinto abdominal- deseñado e fabricado con compoñentes cuxo comportamento sexa similar ao dos cintos de seguridade conformes ao regulamento europeo», remarcaron as autoridades municipais.

Periodicamente, tanto a Policía Local de Pontevedra como a Garda Civil de Tráfico realizan inspeccións no transporte colectivo de persoas para verificar que cumpren con todos os requisitos en materia de seguridade.