0003_201507P21C10992

Pablo Lede se reinventa como futbolista na AFE

Roi Palmás
roi palmás PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

O exjugador do Ponteverda e o Sanxenxo foi o heroe da final en Ámterdam ante a República Checa

21 jul 2015 . Actualizado ás 09:03 h.

O fútbol, como a vida, sempre abre unha fiestra cando se pecha unha porta. Moitos afeccionados creen que os xogadores da categorías non profesionalizadas teñen que conformarse con buscar acomodo nos clubs de Rexional, Preferente ou Terceira, cobrando moitas veces salarios irrisorios e en entidades que queden preto dos domicilios dos protagonistas para abaratar gastos.

Con todo, non sempre é así. Pablo Lede é o último gran exemplo de que hai moitas caras para unha mesma moeda. Tras ter xogado no Pontevedra e o Sanxenxo de Terceira, postulouse como membro da Asociación de Futbolistas Españois. En principio non fora seleccionado para o FifPro Tournament 2015. A pesar diso, unha lesión dun compañeiro abriulle a porta e acabou sendo a estrela.

Os futbolistas da AFE medíronse en semifinais a Polonia, á que golearon por 4-0, cunha asistencia de Lede. Tras ter brillado no seu debut coa camiseta nacional, o xogador pontevedrés, saíu como titular na gran final ante a República Checa e foi o autor do único gol español. O seu nome volveu a resoar con forza e agora, tras a exhibición internacional, reactivou o seu idilio con este deporte e está en busca de novas metas.

Finalmente o combinado da AFE caeu derrotado na quenda de penaltis, a pesar de que o importante non era o marcador, senón as sensacións, e aí todos golearon. O propio Pablo asegura que «a experiencia foi moi boa. Xoguei a nivel profesional contra futbolistas de primeira division doutros países arroupado por xogadores españois de Segunda e de Segunda B».

A segunda oportunidade

Os futbolistas que se dan de alta na AFE afílianse por medio do pagamento de cota. Iso dálles dereito a optar a bolsas e a beneficiarse da infraestrutura do sindicato, que ultimamente se fixo moi famosa pola reclamación das débedas impagadas aos clubs.

Ademais, os xogadores sen equipo (ao redor de 80) comparten formación futbolística e poden acudir á disputa de torneos internacionais, aínda que este privilexio está reservado unicamente a unha vintena deles, que son escollidos polos técnicos do colectivo.

Xunto a Lede disputou o torneo FifPro o exdeportivista Iván Pérez, que tamén busca destino fubolístico. Algún dos protagonistas xa teñen ofertas.