Sorprenden a un veciño de Poio cun xardín de plantas de marihuana na súa casa e alega que plantou tantas porque se daban moi ben

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

POIO

Policía Local de Poio

O home, de 55 anos, tíñalle aos exemplares ata paraugas para evitar que os queimase o sol e indicoulle á policía local que o pillaron a só días de recoller a colleita

06 sep 2025 . Actualizado á 14:30 h.

Un veciño de Poio, de 55 anos de idade, aparentemente, non puido ser máis sincero esta semana coa policía local. Os axentes descubriron que plantara un xardín de cannabis na leira onde se sitúa a súa casa. E o home, tirando de franqueza, recoñeceu que as plantas eran súas e que puxera tantos exemplares porque tras plantar os primeiros o ano pasado viu que se daban moi ben. E que, ademais, pilláranlle cando estaba a só dez días de recoller a colleita e tirarlle proveito a todo ese verxel cheiroso. 

Foi, precisamente, o cheiro o que delatou a este home do lugar de Campelo. Os axentes foran á súa casa por un motivo totalmente distinto. O home estivera investigado por conectarse de forma fraudulenta á corrente eléctrica e os municipais querían comprobar que xa estaba todo en orde. Pero, ao chegar á leira, o cheiro a marihuana era tan evidente que os policías se preguntaron como ningún veciño chamara para denunciar o que ocorría. É máis, a leira coas plantas de marihuana estaban unha unha leira rodeada dun muro non o suficiente elevado como para que non puidesen verse. É dicir, que o home nin disimulou demasiado ante a veciñanza

Os policías accederon á leira e o que ía ser unha inspección doutro tipo acabou sendo o detonante dunha operación policial que culminou coa  intervención da maior plantación de marihuana rexistrada no municipio de Poio nos últimos anos. Porque alí dentro había numerosas plantas de cannabis que acadaban alturas superiores aos 2,5 metros. Os axentes non daban crédito a semellante despregamento e ao esmero que puxera o dono para que as plantas saísen adiante, xa que ata lles colocara paraugas amais para evitar que o sol de xustiza do verán dese ao traste coa colleita. 

Ao propietario en cuestión estáselle investigando por un posible delito contra a saúde pública.E a droga foille intervida. Arrincáronse as plantas, levaron ás dependencias policiais e pesáronse. Guindaron na báscula un valor de 51 quilos.  

Este achado, segundo indicou a policía local, representa a terceira intervención deste tipo en Poio nos últimos anos, pero neste caso destaca por ser a máis voluminosa ata a data. A operación foi cualificada polos axentes como unha intervención significativa contra o cultivo ilegal na zona, e pon de manifesto «a eficacia da colaboración cidadá e a vixilancia activa da Policía Local de Poio». A investigación continúa aberta, e non se descartan novas actuacións en relación co caso.