A Policía Local investigou 234 delitos en Poio ao longo do 2023

L. Penide POIO / LA VOZ

POIO

POLICÍA LOCAL DE POIO

Desde o corpo municipal apuntan que o pasado ano non se produciu «ningún asasinato, homicidio, nin delitos contra a liberdade e indemnidade sexual»

09 jun 2024 . Actualizado á 18:13 h.

Ao longo do pasado ano, a Policía Local de Poio levantou 234 atestados, que se corresponderon con vinte e unha tipoloxías delituosas distintas. Deste xeito, e a vista da estatística oficial, máis da metade destes delitos, concretamente o 50,7%, son relativos ao patrimonio, destacando os danos (23,9%), furtos (15,8%) e estafas (11%).

En números absolutos, estas porcentaxes tradúcense no medio centenar de delitos de danos, 33 furtos, 23 estafas, unha decena de roubos, oito máis en grao de tentativa e dous furtos en grao de tentativa, «sendo os meses con maior volume abril, agosto e xullo, e el de menor volume decembro», refire a memoria anual do corpo municipal.

No que se refire aos danos, o 46% dos casos tiveron como obxectivo vehículos, mentres que nunha porcentaxe similar englóbanse distintas propiedades á marxe dos automóbiles e as vivendas, onde tiveron lugar, pola súa banda, o 8% destes delitos. Neste punto, desde a Policía Local inciden no feito de que as denuncias se adoitan interpoñer venres e luns, xa que «son os momentos nos que as persoas recollen o vehículo do lugar onde o tiñan estacionado, ben para ir traballar (luns) ou para desprazarse a algún lugar de lecer (venres), decatándose nese momento do dano».

No que respecta aos furtos, tanto consumados como en grao de tentativa, tiveron como botín bolsos, carteiras ou mochilas, mentres que no relativo ás estafas desde a Policía Local de Poio incidiron no feito de que, «na actualidade, cos avances tecnolóxicos a maioría das estafas son realizadas mediante o uso de medios telemáticos, en especial a través de aplicacións de venda de produtos de segunda man, redes sociais e páxinas web fraudulentas», o que explica que tres de cada catro das vinte e catro estadas denunciadas ante o corpo municipal foron telemáticas.

Pola súa banda, da decena de denuncias por roubo tramitadas en Poio no 2023, catro tiveron como escenario un coche, unha quinta produciuse nunha vivenda e os cinco restantes producíronse noutras propiedades ou bienes distintos dun domicilio. No que respecta aos oito delitos cualificados como tentativas, pola súa banda, a maior parte deles sucederon en vivendas.

Doutra banda, e no ámbito dos delitos contra as persoas, a Policía Local contabilizou un total de 33, dos que doce foron ameazas (tres deles a través de medios telemáticos), dez foron tipificados como lesións, oito como violencia de xénero e tres de violencia doméstica, sendo todos os investigados de nacionalidade española, coa excepción dun único sospeitoso estranxeiro.

Na estrada

Tras subliñar o feito de que non se tivo constancia de «ningún asasinato, homicidio, nin delitos contra a liberdade e indemnidade sexual», a Policía Local refire que se produciron o pasado ano oito delitos de atentado, resistencia e desobediencia á autoridade. Os delitos contra a seguridade viaria foron, xa para rematar, dezaseis delitos: once por condución baixo os efectos do alcol ou as drogas, catro por facelo sen carné e dous por provocar un grave risco para a circulación.