O PSOE de Poio afirma que o proxecto de 27 vivendas na Caeira «estaba en tramitación, non bloqueado»

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

POIO

LÓPEZ PENIDE

O PP resalta que o pleno aprobase por unanimidade a operación de crédito que permitirá adquirir a antiga gardería de Campelo para transformala nun centro de día

27 sep 2023 . Actualizado ás 20:52 h.

O Concello de Poio congratulouse de que houbese unanimidade de toda a corporación municipal para que o pleno aprobase «unha operación de crédito para pagar unha parte das facturas de investimentos herdadas do anterior mandato, por valor de 423.804,64 euros, así como para a compra da antiga gardería de Campelo para convertela no centro de día de Poio», proxecto para o que se reserva unha partida de 300.000 euros. De igual modo, tamén se acordou iniciar os trámites para crear un ente supramunicipal de xestión da auga «e dotar dunha regularidade administrativa coa que garantir a igualdade das condicións nas que se presta o abastecemento de auga á poboación de Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Sanxenxo, Vilaboa e Ponte Caldelas».

O alcalde Anxo Moldes remarcou que «non é normal que os concellos que se abastecen no mesmo lugar paguen diferente, e por iso é urxente iniciar canto antes este proceso para garantir igualdade de condicións e asegurar a cogobernanza de todos os concellos».

Pola súa banda, os socialistas, a través de Gregorio Agís, criticaron á concelleira Rocío Cochón asegurando que «minte descaradamente cando di que existen 600 expedientes sen tramitación», polo que solicitaron no pleno «un listado deses expedientes e o estado de tramitación dos mesmos onde quedaran completamente en evidencia por tratarse de unha absoluta infamia». Aludiron á urbanización de 27 vivendas prevista na Caeira, «unha iniciativa privada que estaba en tramitación, non bloqueada como manifestan».

BNG DE POIO

E desde o BNG, o edil Iago Garrido lamentou que desde o PP «levan anos criticando a xestión municipal no ámbito do deporte, vertendo todo tipo de falsedades sobre o funcionamento do servizo de deportes e manchando o bo nome das Escolas Deportivas municipais, pero non viron a necesidade de facer cambios unha vez chegados ao poder».