«Non me gusta nada a velocidade»

Nieves D. Amil
neves d. amil PONTEVEDRA / LA VOZ

POIO

ADRIÁN BAÚLDE

Noemí Blas é a presidenta da escuadra Buxa Motor, integrada só por mulleres

16 sep 2019 . Actualizado ás 09:26 h.

Noemí Blas non compite. Non pilota un coche, pero sabe de motores tanto como quen se pon ao volante dun deles en calquera rali de montaña. Máis de 40 anos a pé de roda inxectáronlle o virus da competición e aínda que cada ano di iso de «o ano que vén déixoo», unha vocecita no seu interior empeza a entoar o popular cántico «sempre andas dicindo para ou ano que ven e chega outro ano e pasa tamén, e pasa tamén».

Así que con tanta experiencia como enerxía, a impulsora da escuadra Buxa Motor cumpre este ano o 20 aniversario da Subida á Escusa, unha das grandes probas do automobilismo galego. Un ano máis é a directora de carreira. Das poucas que hai nun mundo moi masculinizado e cada vez, menos machista. «Creo que estamos eu e Marisa, do Rías Baixas, pero debo de ser a única en montaña», puntualiza Blas, que recoñece que nunca se sentiu menos que ninguén nin tivo un trato distinto por ser unha das poucas directoras de carreira galega. Leva demasiada bagaxe como para pólo en dúbida por unha cuestión de xénero. Cando era aínda unha moza acompañaba ao seu marido, que si pilotaba, ás probas. Agora el deixouno, pero ela segue ao pé do canón levando a voz cantante dunha escuadra formada só por mulleres. «Somos dez e seguimos as mesmas que empezamos fai xa moitos anos», confesa Noemí Blas nuns días de actividade frenética, que xa non lle quitan o soño.

Leva tantos anos organizando a Subida á Escusa, que no seu vinte edición xa se sabe o guion de memoria. Acompáñase dun grupo de colaboradores que lle xeran confianza e que resolven ata cantos bocadillos comprar para dar atención aos preto de 90 traballadores que poñen en marcha unha das probas máis importantes da provincia.

O Rali do Albariño, o primeiro

Blas comezou coa organización do Rali do Albariño. Foi nesa época cando un grupo de amigos traballaban xuntos e xurdiu a idea de montar unha escuadra. «Nesa época chamounos Luciano Sobral, alcalde de Poio , para ver se un tramo dese rali podía pasar por Poio e co tempo poder consolidala como unha proba propia», destaca Noemí Blas. Desde entón choveu moito sobre o automobilismo e aínda que a presenza feminina aínda non é demasiada nesta edición, só cinco dos 90 pilotos son mulleres, a directora de carreira di que esta disciplina ha cambiando radicalmente «para ben e para mal». Para ben porque creceu moito a repercusión e a seguridade desta disciplina, pero en contra «hai un exceso de competitividade, antes había moita máis unión , pero agora os pilotos van aos seu».

Esta fin de semana estivo pendente do que puidese ocorrer. Hoxe é o último día dunha actividade frenética na que só hai unha palabra que sobrevoa todo o que ocorra, seguridade. «As esixencias son cada vez maiores», indica. Os seus ollos e o seu corazón están postos en que non haxa erros nunha proba á que dedica boa parte do ano. «Teño que controlar que todos saian nos seus postos, que se cumpra a orde, se hai anomalías, ademais de facer informes», comenta Noemí sobre o seu traballo os días de competición.

A carreira vea lonxe do asento do piloto. «Nunca tiven ganas de pilotar, se che digo a verdade non me gusta nada a velocidade». Con este temor ao conta quilómetros, Blas agradece que os seus dous fillos non sexan como ela uns apaixonados do automobilismo. «Cando competía o meu marido pasábao fatal, aínda agora cando saen pilotos que son amigos, estou pendentes de que cheguen arriba», recoñece a directora de carreira, que ten gravado a un lume o peor recordo da súa vida deportiva. «Na subida de fai cinco anos morreu durante a proba un piloto moi amigo mio, tiña 35 anos e foi algo horrible», lembra con tristeza Noemí Blas, que agora retirou da competición o dorsal 12, que levaba el. «Non volverá saír nunca máis», asegura a presidenta de Buxa Motor, que despois tivo pequenos incidentes, pero ningún deles foi de tal calado.

Noemí Blas seguirá activa mentres o corpo aguante, non é a súa única actividade. Traballa toda a semana, pero entre marzo e outubro a súa vida vai como unha seda. «En agosto estiven na organización da Subida a Ponte Caldelas, Botafumeiro, Chantada e Xunqueira de Ambía», confesa unha muller que ten gasolina nas veas para proporcionarlle a enerxía que necesita para corenta anos despois seguir sendo un referente no automobilismo pontevedrés e galego. Buxa Motor é o seu outra familia, a que roxe no asfalto.