O Festival Cine do Mar de Marín xa ten gañadores

La Voz MARÍN / LA VOZ

MARÍN

Entrega de premios do segundo Festival Cine do Mar de Marín
Entrega de premios do segundo Festival Cine do Mar de Marín FESTIVAL CINE DO MAR

O premio do xurado foi para Mexillonaria, de Pablo Chouza, e o do público recaeu en Chelito, de Carlos Prado

29 jun 2025 . Actualizado a las 11:25 h.

A segunda edición do Festival Cine do Mar, unha cita organizada polo Museo do Mar de Marín, xa ten aos seus premiados. Na sección oficial, a Sardiña de Ouro, premio do xurado á mellor obra audiovisual, foi para Mexillonaria, de Pablo Chouza. O Polbo de Ouro, premio do público, foi para a obra Chelito, do autor marinense Carlos Prado. Na sección ensino, que contou cunha importante participación de centros educativos, o Rodaballo de Ouro, premio do xurado á mellor obra audiovisual, foi para O Xurelo, do IES Nº 1 de Ribeira. Nesta categoría, o xurado outorgou unha mención especial á obra A fala dos Caghanacubeta, do CEIP Sequelo de Marín.

No mesmo acto, tamén se entregaron os premios do primeiro Certame de Fotografía do Mar, que organizou tamén o Museo do Mar de Marín. O primeiro premio foi para a obra Tempo só no mar, de Daniel Riobó Vázquez. O segundo premio foi para Mexilla, de Ignacio Abella Diéguez, que tamén obtivo o terceiro posto con Atardecer nos Parques de Carril.Tras a entrega de premios, proxectáronse todas as obras premiadas, dando por rematado o evento.

Visita á illa de Tambo, dentro das actividades paralelas do Festival Cine do Mar, de Marín
Visita á illa de Tambo, dentro das actividades paralelas do Festival Cine do Mar, de Marín FESTIVAL CINE DO MAR

O sábado pola mañá, máis de cen persoas participaron na visita á Illa de Tambo, que formaba parte das actividades paralelas do festival. E pola noite, a xornada rematou coa proxección ao aire libre de O Corno, no Parque Azul. Este domingo, o programa do Festival de Cine do Mar concluirá coa Xuntanza mariñeira, unha exhibición de embarcacións tradicionais na recentemente remodelada Dársena das Chalanas, coa participación de máis dunha decena de embarcacións, entre as que se poderán contemplar dornas, gamelas, botes polbeiros ou galeóns. E coa presenza de máis de medio centenar de persoas das diferentes asociacións da ría de Pontevedra e doutras rías. Será o broche de ouro para esta edición do Festival Cine do Mar, din desde a organización.