Diego Landín impulsa desde a súa sede en Marín a primeira compaña de ballet de Galicia

Marcos Gago Otero
marcos gago MARÍN / LA VOZ

MARÍN

CARLOS QUEZADA

A audición para escoller aos bailaríns será o día 18 e a súa estrea terá lugar en xuño

08 feb 2024 . Actualizado ás 10:20 h.

Diego Landín continúa co seu proxecto de promoción do ballet entre os máis novos e agora dará un paso máis ao impulsar a creación da primeira compaña de ballet de Galicia. A audición para escoller aos primeiros integrantes desta formación artística terá lugar o próximo día 18. O cronograma deseñado por Landín prevé que os ensaios empecen o 19 de marzo e que en xuño se estree a compaña coas súas primeiras actuacións.

O nome da futura formación será Ballet de Galicia Junior Company e o seu promotor resalta que «non hai ningunha compaña como esta aquí». Landín indica que si hai formacións de danza contemporánea e de fusión, pero non unha compaña como tal que se especialice nun repertorio clásico.

A iniciativa que nacerá en Marín será unha formación nova, unha etapa máis dun proxecto cultural moi ambicioso que xurdiu cunha escola de ballet que leva xa varios anos funcionando e cultivando éxitos tanto en España como a nivel internacional.

Os requisitos para poder optar a unha praza de bailarín en Ballet de Galicia Junior Company son: ter entre 16 e 25 anos e estar entre os mellores que se presentan ás probas de selección. Dado que o interese por participar neste proxecto transcendeu as fronteiras non xa de Galicia, senón de España, Landín manifestou que existe unha alternativa de audición online. Para este fin é necesario que os candidatos contacten coa organización e remitan vídeos cunha clase de ballet onde se vexa ao aspirante na barra gravado tanto de perfil como no centro, así como unha demostración do repertorio de variación clásica e outra contemporánea libre.

Diego Landín admite que o proxecto é ambicioso, pero subliña que as consultas recibidas reflicten que os candidatos son bailaríns con «un nivel de calidade e técnica bastante alto», polo que cre que esta experiencia innovadora servirá para promover o ballet entre os mozos. De feito, esta compaña está pensada para servir como «unha ponte entre o mundo preprofesional e o profesional», bridando aos estudantes de danza, «unha oportunidade única de desenvolver o seu talento e paixón».

Landín precisou que a misión desta compaña será «cultivar o talento emerxente, nutrir a arte da danza e consolidar un espazo onde a creatividade e a excelencia converjan».