O último recreo da praia de Loira

Marcos Gago Otero
marcos gago MARÍN / LA VOZ

MARÍN

O barrio marinense era o centro da vida escolar de Seixo no século XX

26 jul 2021 . Actualizado ás 13:09 h.

As alumnas da escola de Loira, en Marín , só tiñan que saír á porta para atoparse no mellor patio de recreo da comarca: unha praia de area fina que se estendía ante os seus pés en plena ría de Pontevedra. Durante boa parte do século XX, xeracións de nenas dos lugares próximos encamiñábanse todas as mañás e tardes -non existía daquela o concepto de xornada única- para asistir ás clases que se impartían nunha casa de pedra que aínda existe hoxe en día. Foi así durante moitos anos, pero os tempos cambian e en Seixo construíuse un colexio, o mesmo que aínda se emprega na actualidade e a escola pechouse.

O curso de 1969-1970 foi o último que se deu naquela aula a un tiro de pedra da espectacular praia, baixo a atenta mirada da súa mestra. A docente era Mercedes Portas, Chiruca, da que as súas ex alumnas, que entón tiñan de 12 a 14 anos, gardan bos recordos e á que non cesan de eloxiar cando se lles pregunta como era. Ese curso, antes de que a escola botase o peche definitivo, a profesora levou ás nenas unha vez máis á praia e alí, no seu especial e único patio de xogos, unha foto inmortalizou o final dunha era.

As imaxes que ilustran esta reportaxe refírense a ese día. A foto histórica é a imaxe en branco e negro. Inconfundible. A fotografía en cor tomouse no mesmo lugar, aínda que 51 anos despois e con algunhas das protagonistas no mesmo orde daquela primeira instantánea. Faltan moitas, pero non se puido agardar a máis, xa que algunhas das protagonistas viven fóra, unha mesmo na outra punta de España, en Huelva. Non houbo tempo para convocalas a todas esta vez, pero gañas non faltan de repetir a descrición o próximo verán e, se todo vai ben, sen máscara.

Os recordos de como eran aquelas clases ao lado do mar amontóanse na memoria das hoxe veteranas exalumnas. A aula estaba nun baixo e todas as nenas estudaban xuntas. Os pupitres, de madeira , colocábanse en filas de dúas.

A mellor hora do día

As clases empezaban sobre as nove da mañá e o patio tocaba ás once. Entón chegaba un dos momentos máis agardados, porque é preguntarlles que era o que máis lles gustaba e a resposta unánime é: «¡a hora do recreo!». E é que a praia era toda unha oportunidade para pasarllo ben. Sempre que non chovese claro. Algunhas das protagonistas lembran que unha vez o mar entrou tanto en terra, que a porta da escola alagouse. Non había forma de saír e dona Mercedes sacou ás súas alumnas unha a unha pola fiestra dun dos laterais para que non tivesen que exporse á auga.

A praia e a hora do patio eran todo un mundo de aventuras. Unha exalumna conta a anécdota dunha mañá de recreo cando tres ou catro subiron na beira a un bote, como os que aínda se poden ver no río. «As ondas empurraron a barca ao mar e as que estaban dentro tiveron que saltar para que non llas leva, cando se baixaron chegáballes a auga á cintura», relata a exalumna que o viu todo. Secáronse botándose area, porque temían a rifa da profe.

As clases seguían o currículo propio daquela época. Pola tarde, volvían sobre as tres e media e a mestra dividía o tempo. Primeiro, as materias normais e despois clase de labores. Ás seis tocaba regresar a casa.

Memorización cantando

Sen computadores, nin lousas dixitais, o encerado era en grao sumo didáctico que podía haber. O encerado e os grandes mapas que, á vez, ensinaban e decoraban a estancia. «Había un mapa grande de xeografía e ensinábannos os ríos, os golfos, os cabos, coma se estivésemos a cantar».

O curso 1969-1970 chegou ao seu fin. Fíxose a foto e cando se inaugurou o novo, xa foi no colexio de Seixo. Entre a máis maiores, algunhas deixaron os estudos, ao concluír a Primaria, outras se foron para o colexio novo -«facíanos ilusión ir ao colexio, porque era máis grande»- e outros para o instituto de Marín. Este venres, por primeira vez en moitos anos, reviviron aqueles días en que Loira era máis que unha praia. Era o seu patio de xogos escolares.