O lastre dos furtivos no marisqueo e das cotas na pesca

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

MARÍN

MARCOS GAGO

A flota artesanal nas Rías Baixas loita pola súa singularidade profesional, mentres a altura se esforza por reter caladoiros

16 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A pesca e o marisqueo, os principais sectores económicos de moitas das localidades da comarca, non viven precisamente os seus mellores momentos. Os novos cabildos que saian das eleccións nas confrarías terán ante si importantes retos, que deberán afrontar, por difíciles que sexan, se queren manterse competitivos. Nun sector tan amplo como é o mundo do mar, as problemáticas son moi variadas e requiren a unidade da flota e dos mariscadores para poder facer fronte e deseñar as estratexias que lles permitan non só subsistir, senón avanzar nos mercados, mantendo á vez os cada vez máis estritos baremos ambientais.

Na flota pesqueira, Marín é o gran porto de referencia da comarca. Sufriu importantes diminucións na última década. A maioría da flota de Gran Sol abandeirouse en Gran Bretaña ou Francia, países que tiñan máis cota que España, e agora o Brexit e as súas múltiples incertezas ameaza o seu futuro. Poderán seguir faenando os barcos que non teñan pavillón británico? E como se articularán as exportacións entre ambos os lados da Canle? Non só o Gran Sol preocupa, a flota cefalopodera non recuperou Mauritania, a pesar de mil e unha promesas polas Administracións. Para rematar, non hai que deixar de lado as dificultades que impón a UE, de onde emanaron un ano tras outro duros paus á flota pesqueira galega, da que viven miles de familias.

Pola súa banda, no marisqueo, o outro gran segmento das confrarías, aínda faltan por solucionarse unha serie de problemas que dificultan a súa viabilidade. Ás imprevisibles mareas vermellas, producidas polo ciclo natural do fitoplancto e contra as que nada se pode facer, hai que sumar os estragos que causan nos bancos marisqueiros os furtivos.

As confrarías están fartas de denunciar a impunidade coa que os furtivos campan polos seus respectos na ría. Algúns xa nin se ocultan á luz do día e os operativos da Garda Civil e dos Gardacostas de Galicia parece que son incapaces de contelos. É necesario máis man dura contra este problema, ou polo menos é o que piden os directamente afectados que ven como meses de traballo os funden nunha noite os amigos do alleo.

Tamén debe pórse as pilas a Consellería do Mar coa investigación para combater a Marteilia. Este parásito acabou co berberecho na ría fai catro anos e este bivalvo non volveu ser comercial en augas pontevedresas desde entón. Supón perdas de centos de miles de euros que entraban cada tempada nas arcas das confrarías.

Dragaxe do Lérez

Un problema singular na ría de Pontevedra é a dragaxe do Lérez, paralizado pola falta de acordo entre as tres confrarías do fondo -San Telmo, Raxó e Lourizán- , que o apoian, e o resto -sobre todo Portonovo e Bueu-, que temen o seu impacto nos bancos de navalla na zona de depósito de áridos en Tambo. Falta unha fórmula de consenso que dea unha solución.