O gardián dos segredos das árbores

Marcos Gago Otero
marcos gago MARÍN / LA VOZ

MARÍN

emilio moldes

Autor dun libro sobre Marín e un dos revisores do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia

08 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Gaspar Bernárdez Villegas (Marín, 1977) aprendeu a gozar coa natureza desde moi pequeniño. Non o tivo difícil porque naceu nunha parroquia -San Tomei de Piñeiro-, onde as paisaxes son espectaculares obras de arte e onde un estudioso da fauna e a flora ten suficiente materia para estar ocupado durante anos. Graduado como enxeñeiro forestal e paisaxista, sabe transmitir esa paixón polos bosques e os xardíns galegos a todo o que lle escoita.

«O tema das plantas e dos árbores gústame desde neno, porque medrei coa mellor botánica da provincia, que é a miña nai», relata. Tarefas como «apañar a herba», podar, plantar e cultivar son traballos que viu desde que ten memoria.

Gaspar cítanos para esta reportaxe na Alameda de Marín. É un dos espazos máis frecuentados polos veciños. Unha zona verde que, con todo, é unha gran descoñecida para os marinenses, desde o punto de vista botánico. Hai algo de interese na Alameda? A Gaspar bríllanlle os ollos e empeza sen dubidalo cun «si». Neste parque principal de Marín, «destacan as sequoias pola súa significación histórica, porque xa aparecen en fotografías de mediados dos anos 50 do século pasado». Sinala tamén a un exemplar de Archantophoenix -«unha palmeira escasísima»-. E ademais deixa caer que na Alameda hai «unha diversidade moi grande de especies de árbores. Temos catro especies de magnolia, que non é común telas nun espazo tan pequeno».

No seu libro As árbores do Concello de Marín, do que é coautor con Uxía Garcés Ojea, Gaspar Bernárdez, descríbese a gran maioría das especies de árbores que crecen neste municipio. Hai 212 especies identificadas, entre as que hai algúns exemplares e tamén conxuntos boscosos que este enxeñeiro forestal considera claramente singulares.

No monte Gagán, que el pronuncia correctamente en galego, coa geada común noutro tempo no Morrazo como Ghaghán, indica que hai está a nacer nunha zona de campos abandonados fai uns 30 ou 40 anos unha carballeira.

Compona exemplares que xa van acadando bastante bo tamaño, pero que aínda non conforman un ecosistema pleno, porque como el mesmo precisa para ter unha carballeira non só hai que ter carballos, «as árbores non fan soas un bosque». Aínda así, menos dá unha pedra e está por ver como evoluciona este espazo no futuro.

O aliso -ameneiro en galego- máis alto de Galicia está situado nas proximidades do río Loira, cun perímetro de preto de seis metros e unha altura duns 18. Entre as xoias da coroa áchase tamén un bosquecillo de peras salvaxes, nunha das ladeiras do Gagán. No lago de Castiñeiras, crecen dous exemplares de dúas clases de bidueiros -Betula pubescens e Betula pendula-, que se atopan entre os de maiores dimensións das catro provincias galegas.

Lago de Castiñeiras

Precisamente, o lago de Castiñeiras é un dos espazos de maior biodiversidade de Marín. É unha contorna natural que esperta en Gaspar sentimentos atopados. «É unha pena velo así», afirma. El foi un dos promotores dun dos proxectos ambientais máis interesantes da comarca, a creación dun parque botánico en Castiñeiras e dun gran área de esparexemento, que quedou en nada. A iniciativa non logrou o apoio institucional suficiente, a pesar dos intentos de comuneiros, veciños e o Concello de Marín. Castiñeiras segue en declive e con el, vaise o soño do que puido ser e non foi.

Na traxectoria vital de Gaspar Bernárdez atópanse tres anos como guía do Parque Nacional Illas Atlánticas, e outros tres como bolseiro na Universidade de Santiago e posteriormente como técnico de produción vexetal, entre outros traballos. Agora regresou a esta última actividade e, como investigador, é un dos responsables da revisión do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, baixo a supervisión de Antonio Rigueiro, da USC, a quen cualifica da súa «mentor e mestre».

Na súa avaliación sobre os bosques marinenses, a conclusión de Gaspar é que o seu estado de saúde é «bo». Bota en falta, iso si, algunhas especies como o castiñeiro autóctono porque en Marín, a gran maioría son «híbridos».

Non é un caso illado. A súa parroquia natal, San Tomei, tradicionalmente tiña fama dunha excelente colleita de mazás. Algunhas variedades, trouxéronas os emigrantes cando regresaban de viaxe de Sudamérica. Na actualidade, o abandono do rural, tamén se nota en San Tomei. Para Gaspar, aínda se pode para salvar esta gran variedade de árbores froiteiras, pero o paso do tempo corre en contra. E advirte doutro perigo se cabe aínda máis grave: a invasión de especies exóticas. «Nas Sabesadas, de Seixo, por exemplo, nunca houbo acacias e agora hai catro especies». É un perigo que non hai que desprezar se en futuras revisións do inventario de árbores Marín segue ocupando un lugar especial.