Marín apela á solidariedade veciñal para sumar doantes de órganos e medula

Marcos Gago Otero
marcos gago BUEU / LA VOZ

MARÍN

O municipio supera en cinco puntos a porcentaxe recomendada pola OMS para a doazón de sangue

04 ago 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia, instalada na Alameda de Marín, informará hoxe, de nove da mañá a nove da noite, sobre a necesidade de incrementar o número de doantes de órganos e de medula na provincia. Nunha presentación da campaña realizada onte, a concelleira de Medio Ambiente, a popular Marián Sanmartín, explicou a importancia das doazóns e animou a calquera veciño ou visitante que puidese estar interesado a achegarse á unidade móbil na Alameda. A campaña que se desenvolve en Marín conta tamén coa colaboración da asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi) e da asociación Irmandade de Doantes de Sangue de Vigo, entre outras organizacións.

O lema desta actividade é «Este verán salva vidas. O teu sangue é vida», porque nesta campaña tamén levará a cabo a captación de novas persoas para a figura de doante de sangue. A concelleira marinense agradeceu a sensibilidade dos veciños deste municipio á hora de atender as doazóns de sangue, pero tamén recalcou que existe un numeroso grupo de persoas que depende dun órgano doado ou dunha medula doutra persoa.

Sanmartín fixo fincapé en que existe bastante información sobre a doazón de sangue, pero admitiu que entre o público en xeral percíbese unha falta de datos sobre as outras dúas grandes necesidades para pacientes e hospitais, como son os órganos e a medula. Por esta razón, a concelleira de Medio Ambiente apelou aos veciños para que se acheguen á unidade do Centro de Transfusión de Galicia e documéntense debidamente dos beneficios das doazóns, quen poden facelo e en que condicións.

Marín é un dos municipios galegos que supera a media autonómica en doantes. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a porcentaxe adecuada para atender as necesidades de sangue dunha poboación sitúase en corenta por mil, unha cifra que no caso dos marinenses supérase por cinco puntos.