Denuncian desfeitas e roubos na antiga escola unitaria de Couso, en Campo Lameiro

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CAMPO LAMEIRO

CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO

Os ladróns fixéronse con media ducia de fiestras metálicas e causaron danos no inmoble de titularidade municipal

26 ene 2024 . Actualizado ás 11:03 h.

Practicamente ao mesmo tempo que o alcalde Carlos Costa interviña en Fitur para impulsar o atractivo turístico de Campo Lameiro como Capital do Turismo Rural 2023, desde o Concello confirmaban a través de redes sociais a interposición dunha denuncia ante a Garda Civil «polos destrozos e o roubo de xanelas sufrido pola antiga escola unitaria de Couso».

CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO

Desde o goberno local precisaron que á primeira hora da tarde deste xoves deuse a alarma despois de detectarse que varias fiestras, en concreto seis delas, foran subtraídas do seu emprazamento no inmoble, circunstancia que «provocou que os responsables municipais se puxeran en contacto coa Garda Civil para proceder a presentar a correspondente denuncia», engadiron respecto diso.

CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO

No transcurso deste roubo, algo que tamén puideron observar as autoridades municipais, «os malfeitores produciron varios danos de diversa consideración», polo que tamén se incluíron na denuncia interposta ante o instituto armado. 

CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO

En paralelo, solicitouse a colaboración dos veciños para localizar aos posibles autores destes feitos nun inmoble, que segundo lembran, é de titularidade municipal.