Campás de Caldas: a voz de Deus

Francisco Froján PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN CULTURAL TERRA CALDA

CALDAS DE REIS

Francisco Froján, presidente da Asociación Cultural Terra Calda, no seu discurso de clausura na Praza das Palmeiras de Caldas
Francisco Froján, presidente da Asociación Cultural Terra Calda, no seu discurso de clausura na Praza das Palmeiras de Caldas TERRA CALDA

26 ago 2025 . Actualizado a las 17:21 h.

Baixo o lema Sons da Terra Calda se levaron a cabo os días 22, 23 e 24 de agosto unha serie de actividades en Caldas de Reis por iniciativa da Asociación Terra Calda xuntamente coa Asociación de Campaneiros de Galicia. Quero recordar unha data especial: o 30 de novembro de 2022, día en que a Unesco declarou o toque manual de campás en España Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

As campás de Caldas de Reis, as da Igrexa de Santo Tomé Becket, as de Santa María, a da Capela de San Roque, a do Asilo, a do Colexio das Salesianas, a dos Padres Somascos, a do Concello, a do Albergue Via XIX, así como as de toda Galicia, seguen a ser un símbolo dunha gran riqueza patrimonial e histórica.

Os galeg@s, cando oímos falar da importancia cultural desta práctica tradicional de tocar as campás lembramos inmediatamente un dos poemas máis famosos e recitados de Rosalía de Castro: Campanas de Bastabales, que no 1985 foi interpretada por Amancio Prada nunha versión que deu a volta ao mundo.

O son das campás, a voz de Deus, con cada tipo de toque, xa sexa un repique rápido, un volteo ou toques lentos, é unha linguaxe que ten un significado específico. Moitos caldenses, xa entrados en canas, recordaban con agarimo os repiques das nosas campás nos diversos acontecementos da vida do pobo. 

De todos os xa citados nestes días, tales como os toques para chamar os veciños a reunirse nun lugar específico para tomar decisións, e nalgúns municipios mesmo para celebrar reunións do mesmo Concello, o coñecido toque para afastar as tormentas, os repiques das festas, os que anunciaban o día, os da oración mariana do Ánxelus do mediodía ou os do atardecer, quero suliñar algún da nosa vila: a chamada á misa realizábase tocando tres veces a un ritmo normal; o toque primeiro, media hora antes da celebración; o segundo, un cuarto de hora antes, e o último á hora en punto, que, seguido das tres picadas, indicaba o comezo inmediato do acto. 

O toque a defunto eran badaladas lentas; ao final das cales tocábanse tres, no caso de que fose un veciño; dúas no caso dunha veciña, e unha no cabo de ano. O toque alegre do Gloria indicaba a morte dun neno pequeno. Ao escoitalo, a xente exclamaba: morreu un anxiño. Co toque das ánimas, que tamén se realizaba ao anoitecer, recitábanse oracións polas almas do purgatorio, coa crenza de que as campás axudaban a guiar esas almas ao descanso eterno.

Este toque das ánimas ven recordado no Nocturno de Curros Enríquez, tan querido para min, pois recitábanmo moitos días cando era pequeno, antes de durmir. O poema foi maxistralmente cantado polo noso veciño moranés Luis Emilio Batallán: D’a aldea lexana fumegan as tellas; detrás dos petoutos vai póndos’o sol…. E xa rematando dí: ¡As ánemas tocan!... Tal noite com’esta queimóusem’a casa,…

A arrebato era un toque rápido e continuo que se facía para avisar de situacións de emerxencia, como incendios ou calquera outro perigo. Contaba alguén que, cando ardeu a queixería, sita na rúa Real, á súa aboa, nada mas ouvir as campás, exclamou collede os cubos que hai incendio!

En resumo, as campás, que ao longo da historia tiveron un profundo simbolismo espiritual, servían ao mesmo tempo para comunicar os acontecementos da vida social cotiá da vila. O son das campás, que segue hoxe a acompañar a vida dos caldenses, segue tendo un gran poder de convocatoria, especialmente nas zonas rurais. Óese a campá e a veciñanza ponse en alerta: que pasaría?, quen morrería?,… 

Pero as campás non tocan para os mortos, senón para os vivos...

Por eso é lamentábel que a tradición de tocar manualmente as campás, unha práctica mantida durante séculos, se estea a perder en favor de sistemas electrónicos.

Falando destes sistemas automáticos, quero subliñar que ás veces as sereas que anuncian un simulacro de emerxencia na vila non se escoitan con nitidez. Polo contrario, as campás da igrexa  parroquial pódense escoitar en todo los rincóns do pobo. Por iso, a Asociación Terra Calda quere suxerir ás nosas autoridades civís que, de acordo coas relixiosas, establezan un toque especial para casos excepcionais de desastre, cunha sinal final para indicar se se trata dunha fábrica, do encoro ou doutra situación de emerxencia.

As devanditas asociacións quixeron que Sons da Terra Calda fose tamén unha homenaxe a todos os campaneiros que, nesta vila e en toda Galicia e España, tocaron e aínda tocan as campás manualmente en ocasións especiais. É certo que calquera pode tocar as campás, pero somentes quen ten unha profunda bagaxe espiritual pode comunicarlle o seu auténtico sentimento.

Non podo concluir sen agradecer, en nome de todos os compañeros da Asociación Terra Calda e dos da Asociación de Campaneiros de Galicia, a presencia e colaboración nos actos a María Elena Suárez Sarmiento, delegada territorial da Consellería do Mar en Vigo; do señor alcalde, Jacobo Pérez; do tenente alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Fariña; do concelleiro Fernando Pérez e de todos os veciños e visitantes que nos acompañaron coa súa presenza.

Moitas grazas.