Cruzamento de acusacións no Parlamento a conta do encoro do Umia

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

PSDEG

O PSdeG esixe á Xunta que deixe de ser un «observador pasivo», mentres a conselleira de Infraestruturas lamenta a «monumental irreponsabilidade» dos socialistas

10 jul 2019 . Actualizado ás 19:11 h.

O debate dunha pregunta oral no pleno sobre a situación do encoro do Umia, en Caldas de Reis, orixinou este mércores un novo cruzamento de acusacións entre o PSdeG e o Goberno galego no Parlamento. O deputado socialista Julio Torrado preguntou á Xunta que medidas ten previsto tomar ante a situación xerada na presa da Baxe a partir da presenza da alga Microcystis, o que obrigou o pasado 24 de xuño a activar o estado de alerta por cianobacterias. Un fenómeno que se repite cada verán desde a súa aparición no 2006.

O parlamentario asegurou que a non existencia de toxina non implica que «non exista un alto risco da súa aparición debido ás condicións climáticas do verán». Reclamou ao Goberno autonómico que «faga algo máis que agardar a ver se ocorre un novo episodio de contaminación no encoro, que provoca problemas medioambientais». Torrado instou a Xunta a que resolva o problema do encoro, que «naceu mal, funciona mal e dá problemas», deixando de ser un «observador pasivo». Denunciou, neste sentido, que Augas de Galicia se limite a queixarse das alertas desta situación, mentres o Concello de Caldas ten que asumir un sobrecusto de entre 30.000 e 50.000 euros anuais na depuración das augas.

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, lamentou este mércores o que cualificou de «monumental irresponsabilidade» da oposición por divulgar falsidades sobre a auga do encoro, «ignorando máis de 1.300 resultados de analíticas que descartaron sempre ata agora a presenza de toxinas». A titular do departamento da Xunta criticou o oportunismo político do PSdeG, ao que botou en cara que non xestione con responsabilidade nos lugares onde goberna. Neste sentido, lembrou que vai ser a Administración autonómica quen acometa a reforma da depuradora de Paradivas, en San Andrés (Caldas), que o Concello ten inactiva. Tirou de cifras e asegurou que o Goberno galego leva investidos 14 millóns de euros en obras hidráulicas nese concello e entregados 6,2 millóns aos municipios da contorna para actividades sociais. Non aclara que eses 6,2 millóns son unha compensación acordada no seu día por soportar un encoro que nunca quixeron os tres concellos.

«En Caldas non se detectou presenza de toxina. E nunca, absolutamente nunca, existiu risco algún relacionado coa alga do encoro. Dicir o contrario é mentir», destacou Vázquez. A conselleira fixo fincapé en que o estado de alerta implica a realización de estritos controis da auga para detectar a posible aparición da toxina microcistina, analizando ata un total de 26 parámetros. A Xunta engade que traballa en diferentes proxectos para reducir a proliferación de cianobacterias neste encoro e outras da comunidade. Ademais de tratar de reducir a achega de nutrientes á presa, estase impulsado un plan para a recuperación do bosque de ribeira que protexe ao río Umia, ademais doutros estudos.