Juan Manuel Rey gobernará Caldas de Reis con maioría absoluta

Cristina Barral Diéguez
cristina barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

O TSXG dá por válidos dous votos cos que o PSOE suma o sétimo edil

24 jun 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

A corporación do Concello de Caldas de Reis constituirase o próximo 3 de xullo, venres. Será vinte e un días despois de que o fixesen o resto de concellos. Os sucesivos recursos electorais por dous votos inicialmente nulos tras o resultado do 24 de maio motivaron o atraso. Unha sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) coñecida onte dá a razón ao PSOE de Caldas, que recupera así a maioría absoluta ao lograr o sétimo concelleiro nunha corporación de trece escanos.

O fallo é firme, aínda que ao PP lle queda como última opción interpor un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. Unha posibilidade que o concelleiro electo dos populares Manuel Cortés non aclarou onte se se vai producir. En todo caso, esa vía non afecta o pleno de investidura. «Pouco che podo dicir porque me acabo de enterar. Non son experto nestes temas, que se levan en Pontevedra», comentou a media tarde a La Voz. Manuel Cortés indicou que hoxe falará coa sede provincial para abordar o tema. Coa decisión de onte do TSXG, os populares, principal partido da oposición en Caldas, perden un edil, quedándose en tres. María del Carmen Torres será concelleira socialista, quedándose fose María Isabel Castro, do PP.

A sentenza declara a validez das dúas papeletas da mesa de San Clemente declaradas nulas pola Junta Electoral Central. Nos fundamentos de dereito, alúdese a que a irregularidade que presentan eses votos litigiosos «non é invalidante». Engade que o corte realizado nas papeletas non afectou a ningún nome da lista do PSOE, e si só ao espazo en branco existente detrás do nome do último suplente. «Debemos concluír que, desde o punto de vista xurídico, trátase dunha manipulación intranscendente e nimia, [...], porque non introduce dúbida sobre a intención do elector de conferir o seu voto á formación recorrente, xa que a parte cortada era o espazo en branco», afírmase no fallo.

O alcalde electo, o socialista Juan Manuel Rey, recibiu a noticia do secretario xeral da agrupación local, Manuel González. «Aínda non coñezo os pormenores da sentenza, pero é unha gran noticia e a ver se é a definitiva», dixo o rexedor, que non necesitará de apoios doutros partidos para gobernar. «Un xa ten unha idade e na noite electoral emocioneime porque lograr o 46 % dos votos é un bo resultado. Estes abafos de despois son terribles. Non se se o PP vai recorrer pero sería lexítimo que o fixesen se o consideran», expuxo Rey , que ía celebrar a noite de san Juan e o seu santo máis alegre. O alcalde segue imputado por cometer, supostamente, un delito de malversación de fondos públicos polo pagamento dunha multa de 600 euros.

O recurso de onte era o segundo que presentaba o PSOE. O primeiro, que caeu do seu lado, foi ante a xunta electoral de zona, que validó as dúas papeletas. A Junta Electoral Central cambiou despois esa decisión e deu a razón ao PP. Agora volve virar.