
O vehículo estaba baleiro no momento do incidente
15 jul 2025 . Actualizado á 16:39 h.Un turismo caeu desde o peirao do porto de Bueu á praia de Pescadoira este martes pola tarde. O suceso chamou a atención non só polo inusual de tratarse dun coche que se precipitou á beira, senón porque ao quedar en vertical, co morro apoiado na area e as rodas de atrás co peirao, é imposible non velo desde calquera punto do paseo marítimo en Pescadoira.

Segundo explicaron fontes da Policía Local de Bueu, o coche precipitouse á area, por causas descoñecidas, ao redor das dúas e cuarto da tarde. O patrón maior, José Manuel Rosas, indicou que o coche pertence a un mariscador da navalla e que non se sabe que puido pasar para que caese á praia, xusto no peirao dun dos laterais da lonxa. O vehículo atopábase nese momento baleiro, sen persoas nin mercancía. A Policía Local indicou que se traerá un guindastre para poder izalo e traelo a terra.