
É socia da cooperativa Moraima e foi a primera representate de Barro no consello regulador
29 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Barro anunciou este mércores que Salomé Cancela Romero será a encargada de pronunciar o pregón dunha nova edición da Festa do Viño, que se celebrará no mes de xuño. A súa escolla, apuntan desde o Concello, «representa un recoñecemento á tradición vitivinícola de Barro e, especialmente, ás persoas e proxectos que loitan cada día por dar visibilidade e prestixio ao noso viño».
Salomé Cancela é socia da Cooperativa Viña Moraima, fundada en Barro no ano 2006 por un grupo de viticultores locais. Filla dunha familia cunha fonda tradición vitícola, foi o seu pai un dos socios fundadores desta cooperativa que hoxe é símbolo de traballo colectivo, compromiso co territorio e aposta pola calidade.
Ao longo da súa traxectoria, Salomé foi presidenta de Moraima e converteuse, ademais, na primeira persoa de Barro en formar parte como vogal do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, abrindo camiño para que a voz dos viticultores e viticultoras de Barro estivese presente nos espazos de toma de decisión.
Cómpre salientar tamén o papel protagonista de Moraima na recuperación da variedade autóctona ratiño, unha uva branca de pequeno tamaño e sabor singular, documentada xa en Barro no ano 1929. Durante décadas estivo ao bordo da extinción debido á súa sensibilidade ás pragas, mais grazas á colaboración entre a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e a cooperativa, esta xoia do patrimonio vitícola galego puido ser salvada. Tras anos de traballo e trámites administrativos, a ratiño foi incluída en 2023 na Denominación de Orixe Rías Baixas, abríndolle así as portas a un futuro con garantías comerciais. Moraima, que foi pioneira na súa recuperación, xa elabora un viño con esta variedade que pronto poderá chegar ao mercado.
«Manter viva a nosa identidade»
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que «con Salomé queremos render homenaxe á Cooperativa Moraima e a todas as adegas do noso concello, ás que día a día manteñen viva a nosa identidade vitivinícola. A súa traxectoria é exemplo do que queremos celebrar nesta festa: tradición, compromiso, innovación e orgullo polo noso».
Esta escolla simboliza tamén «unha homenaxe a todas as persoas que, dende as viñas e as adegas, contribúen a facer do viño de Barro e do viño galego un produto recoñecido, estimado e presente en moitas mesas do mundo». Deste xeito, conclúe o alcalde, «un ano máis, a Festa do Viño de Barro pon no centro ás persoas e colectivos que, co seu traballo, dedicación e compromiso, fan que o noso concello medre e mellore.