Lores destaca o éxito do BigSound, que terá unha segunda edición os días 17 e 18 de xullo do 2026

PONTEVEDRA

O alcalde de Pontevedra dá por boas as cifras da produtora: máis de 35.000 asistentes, un impacto económico estimado de 14 millóns e máis de 1.300 profesionais traballando
14 jul 2025 . Actualizado á 16:30 h.«Todo un éxito que non ocorre por casualidade. Hai un traballo por parte do Concello e moita xente implicada». Con estas palabras o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), valorou este luns o pasado concerto de Jennifer Lopez e o festival BigSound, celebrados no parque de Tafisa. Claro que o rexedor aproveitou para referirse tamén ao Multisport, á viaxe a Tenerife onde se presentou a gala dos Premios Feroz 2026 e incluso a citas pasadas como o Surfing The Lérez. «Quedan moitas semanas por diante, as festas da Peregrina ou Itineranta, unha aposta polas familias e as crianzas», dixo o rexedor, que tivo un agradecemento especial para os veciños de Tafisa, que levan máis dun mes coa rúa cortada, polas molestias causadas e a súa paciencia.
Do concerto do 8 de xullo de Jennifer Lopez non deu ningún dato a maiores da capacidade xa coñecida de 13.500 espectadores. Para esta actuación o Concello achegou 133.000 euros. Do BigSound, que se celebrou o 11 e 12 de xullo, deu números facilitados pola empresa PlayPlan. Máis de 35.000 asistentes entre as dúas xornadas, un impacto económico de 14 millóns de euros e máis 1.300 persoas traballando na montaxe e desenvolvemento dos concertos. Para este festival non houbo unha achega económica do Concello, que si colaborou coa cesión do espazo público e elementos da montaxe dos escenarios.
Preventa exclusiva
Como xa se sabía, o BigSound terá unha segunda edición en Pontevedra coa música urbana. Será os días 17 e 18 de xullo para evitar a súa coincidencia co PortAmérica, que terá lugar o 9, 10 e 11 de xullo. «Vaise continuar o ano que vén, xa veremos», apuntou o alcalde ao ser preguntado se haberá fondos do Concello para este festival. Este martes, anunciou a promotora do BigSound, actívase unha preventa exclusiva de abonos con capacidade limitada e prezo especial.
Sobre eses 14 millóns estimados de impacto económico, Lores admitiu que é un dato da empresa no que non quixo entrar. Si indicou que a ocupación hoteleira na cidade «foi do 100 % desde o tríatlon». Sobre a estancia en Tenerife e a próxima gala dos Premios Feroz, que se celebrará o 24 de xaneiro na cidade, comentou que a intención é que esta vez a «alfombra vermella poida ter máis afluencia de xente, sempre que non haxa ameaza de temporal como o ano pasado». A programación paralela comezará xa en setembro con encontros co sector.