Premios para Ponteareas e Lalín no concurso de enganches de Equina en Silleda

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

PONTEVEDRA

cedida

«Revoltoso» de Palma de Mallorca e «Festa» de Bélxica, foron os vencedores no IX Campionato de España

14 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Equina Galicia pechouse onte no recinto feiral de Silleda coa entrega de premios e a celebración da proba de enganches organizada polo Club de Enganches de Galicia na categoría de Limonera, para carruaxes de catro rodas cun cabalo. En C1 o primeiro posto foi para Carlos Castiñeira, de Ponteareas, con Puskis e o segundo e o terceiro para o lalinense Manuel Nistal, con Orgullosa e Poderoso, respectivamente. En P1 a gañadora foi Sara Castiñeira de Ponteareas con Linda.

 No XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o campión foi Revoltoso Sinia II da Yeguada SA Sinia de Palma de Mallorca e a campioa foi Festa de Centurión da yeguada Aqualia Esp, de Bélxica. Como campións mozos foron elixidos Quesoro JB de Romero da yeguada dos Romero Esp, de Costa Rica, e Ilíada de Centurión, da Yeguada Centurión de Segovia.

 O campión adulto de mellores movementos foi tamén Revoltoso e a campioa Desirée de Centurión, da Yeguada Aqualia Esp. En canto aos premios concedidos por ACCEGA para o mellores poldro e poldra nacidos en Galicia, os premios foron, respectivamente, para Hechizero de Vida II de Villanueva Dacasa de Arzúa e Profesora de Vida, nacida en Galicia, pero propiedade da Gandería Jocha, de Costa Rica.

 O título de mellor gandería recaeu en Centurión de Segovia e quedou en segundo lugar a Yeguada do Pas, de Santander. O mellor xinete foi Diego González, e os mellores presentadores: en adultos, César Santos, e en júnior, Víctor Santos. O certame contou coa participación de 80 exemplares de 45 ganderías de diferentes puntos de España e de cinco países máis: Costa Rica, México, Italia, Francia e Bélxica.

Onte celebráronse tamén tres competicións de Doma Clásica nas que participaron 50 binomios de diferentes lugares de España. As entregas de premios contaron coa presenza da deputada Belén Cachafeiro; o xefe de servizo de Gandeiría de Pontevedra da Xunta, Víctor Muñoz; a concelleira de Silleda Estefanía Taín; o director de ANCCE, Jaime Molina; o subdirector técnico de programa de mellora de ANCCE, Pedro Azor; o presidente de ACCEGA, Manuel Benavides; a presidenta de Expasa, Judit Anda, e o director da Feira Internacional de Galicia Abanca, Ricardo Durán.

Organizada por ACCEGA, Equina desenvolveu nesta undécima edición desde o venres unha amplo programa de actividades, competicións e charlas.