
As verdes empezarán a liga a primeira fin de semana de outubro e acábana en abril
11 jul 2025 . Actualizado á 12:12 h.O Club Baloncesto Arxil xa ten definidos os rivais cos que se medirá esta tempada de regreso á liga Feminina 2. O conxunto pontevedrés quedou englobado no grupo 2 da categoría, evitando así os desprazamentos á zona sur da península e ás illas.
Nunha liga onde os equipos cataláns son maioría, a comunidade mediterránea quedou dividida en dúas para cadrar as contas e por iso o Arxil medirase a cinco conxuntos de Cataluña (Força Lleida, Manresa, UE Mataró, Boet Maresme Mataró e TGN Basquet ), dous equipos de Asturias (Avilés e Xixón), tres do País vasco (Barakaldo, Ibaizábal e Ointxe), ao BF León e aos outros dous galegos do grupo, o Cortegada de Vilagarcía de Arousa e o Maristas da Coruña. En total catorce equipos do grupo, que se suman aos outros tantos do grupo 1 para pelexar polas dúas prazas que dan acceso á liga Challenge.
A liga Feminina 2 arrincará os seus partidos a primeira fin de semana de outubro e concluirá a liga regular o sábado 18 de abril. Quince días despois está prevista a loita do play off de ascenso. Os dous primeiros equipos de cada grupo enfrontaranse nunha final directa da que o vencedor obterá xa o salto directo de categoría. O perdedor seguirá pelexando por subir co resto de aspirantes da fase de ascenso, a cal disputarán do segundo ao cuarto da liga regular. O sorteo do calendario celébrase o vindeiro luns 15 de xullo.