O pontevedrés que leva xa cinco días sen poder saír de Irán: «Estame salvando que son da vella escola e traía bastantes cartos amais»

PONTEVEDRA

A Foni Díaz baixáronlle do avión polos bombardeos de Israel e permanece nun hotel que quedou baleiro. Agarda ordes da embaixada: «Eu prefería que me levaran para o edificio diplomático que estar aquí, é máis seguro», di
18 jun 2025 . Actualizado á 19:19 h.«Por mala sorte non teño moita novidade que contar, sigo igual, sen poder saír de aquí». Estas palabras son de Foni Díaz, un profesor xubilado de Pontevedra, de 62 anos de idade, que leva cinco días atrapado en Teherán, a capital de Irán, despois de que lle fixesen desembarcar dun avión polos ataques de Israel sobre o ceo iraniano. Este home, un aventureiro en toda regra con máis de cen países visitados, marchaba xa do país iraniano tras dúas semanas facendo turismo en solitario nesta terra cando os bombardeos fixeron que se pechase o espazo aéreo e que, por tanto, o seu voo non puidese despegar.
Desde entón, tras ter que abandonar o avión de madrugada, está nunha situación que podería cualificarse de esperpéntica. Regresou ao hotel no que estivera aloxado, pero o resto dos hóspedes fóranse, o establecemento pechou e agora o único cliente dun complexo de seis plantas é Foni, que está unicamente acompañado por un retén de empregados, tres persoas, que non falan nin inglés nin español, só persa. Así que a comunicación é difícil.
Foni recoñece que, aínda que curtido en mil batallas e aventuras, sobre todo nas súas reiteradas viaxes aos lugares máis duros de África, onde a fame e a sede mandan, nunca se viu nunhas circunstancias similares ás actuais. Contactou coa Embaixada de España en Irán no primeiro momento e recomendáronlle que agardase a que lle dean instrucións no hotel, que non intente saír do país pola súa conta unha vez que o espazo aéreo está pechado. Pero el cre que o máis seguro sería que lle desen cabida no propio edificio diplomático. Aínda así, acata ordes e espera como único hóspede nese aloxamento. «Eu preferiría estar na embaixada, penso que é máis seguro, pero dinme que siga aquí», apunta Foni, nunha conversación telefónica que vai e vén pola escasa cobertura que ten en Teherán.
Como están a ser estes días? Foni recoñece que a súa familia, a miles de quilómetros, está a levalo peor que el. «Eu vou tirando pero a miña familia si que está moi preocupada, por iso me gustaría saír canto antes de aquí», sinala. Despois de dúas semanas de turismo por Irán que define como «moi fermosas e interesantes» nas que non se atopou a ningún cidadán occidental, unicamente a un grupo de chineses e a visitantes do propio país, todo cambiou a raíz de iniciarse os bombardeos, dos que non pode falar por seguridade e precaución. Visitou cidades como Persépolis ou Yazd e o venres 13 de xuño tiña que voar cara a Xeorxia para seguir coa súa viaxe tanto por ese novo país como por Armenia.
Non puido ser e desde entón está atrapado en Teherán. A súa gran sorte é que sobrevive porque levaba diñeiro en efectivo, porque no país xa non funcionan os cartóns de crédito: «Estame salvando que son da vella escola e traía bastantes cartos amais. Aínda teño para aguantar uns quince días máis, pero loxicamente quero saír de aquí canto antes se poida». Ten que pagar a diario o hotel en moeda local, así que adoita saír do aloxamento para ir cambiando pequenas cantidades de diñeiro no zoco. Aínda que o restaurante do hotel, como case todo, está pechado, sérvenlle un almorzo amplo e para o resto do día compra víveres nalgún sitio que vai atopando aberto e así tira.
A súa meta é que a embaixada lle dea ordes e poidan levalo nun medio de transporte alternativo ao avión, seguramente en taxi ou autobús, ata unha das fronteiras do país, que limita por terra con Acerbaixán, Armenia, Afganistán, Iraq, Paquistán, Turquía e Turcomenistán. A súa ilusión é chegar a Xeorxia, seguir cos seus plans turísticos previstos aí e poder coller o avión de volta a casa que ten para dentro de quince días. Foni, retranqueiro a moreas, sinala que ante a situación que vive, o grande asidero é o humor. Así que espeta: «Os meus amigos vacílanme polo teléfono e dinme que vou acabar como Jack Nicholson en 'El resplandor'».