Recursos educativos difunden o valor da xiloteca e o arboreto do campus de Pontevedra

PONTEVEDRA

A colección está formada por 441 pezas de madeira de 93 especies, mentres que a ruta é un recorido de case dous quilómetros por árbores significativas
13 may 2025 . Actualizado á 19:33 h.Difundir o valor patrimonial que teñen a xiloteca e o arboreto do campus de Pontevedra. Con ese obxectivo presentáronse este martes na unha Escola de Forestais serie de recursos educativos —unha guía e catro unidades didácticas— para achegar eses dous elementos á cidadanía. A guía da xiloteca e as unidades didácticas están dirixidas a alumnos de primaria e de secundaria. Preto de cincocentos estudantes visitarán a xiloteca e o arboreto a próxima semana.
En que consiste ese patrimonio do campus? A xiloteca é unha colección formada por 441 pezas de madeira de 93 especies que está na Escola de Forestais; mentres que o arboreto está integrado por preto de 350 árbores de 50 especies. Explican desde a Universidade de Vigo que eses recursos educativos foron concibidos como unha ferramenta de apoio ao currículo escolar. O que se busca é promover o respecto pola biodiversidade e a aprendizaxe activa en contacto coa natureza.
Á presentación dos materiais, que tamén se reúnen nun espazo web, asistiron a vicerreitora do campus, Eva Lantarón; a directora de Forestais, Ángeles Cancela; o director de área adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres; e a directora da Oficina de Medio Ambiente da UVigo, Delfina Couce.
Eva Lantarón expuxo que a finalidade destes materiais é dinamizar e pór en valor, como un recurso de formación, ese patrimonio que ten o campus. O que se persegue é favorecer a realización de visitas por parte de centros de ensino que permitan «estimular no alumnado un amor pola natureza e o coñecemento do campus e da Escola de Enxeñaría Forestal».
A ruta do arboreto é un percorrido de case dous quilómetros que permite coñecer os seus exemplares máis significativos. Ángeles Cancela sinalou a importancia que para a Escola ten a xiloteca, que funciona como «un laboratorio dentro do centro». A directora de Forestais fixo fincapé en que en España só existen outras catro colecciones deste tipo. A xiloteca, impulsada no 2014, consta hoxe de 346 táboas de madeira de 77 especies de frondosas e 95 pezas pertencentes a 16 especies de coníferas.