Mecos gaña tres títulos do Territorial Sur e O Salnés levará nove bateis ao Galego
PONTEVEDRA

O club do Grove foi o máis destacado na cita no porto de Vilaxoán tras Chapela, con cinco tripulacións campioas
14 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Campionato Territorial Sur de Bateis completou na mañá de onte o seu programa coa disputa das finais das doce categorías da modalidade menor do banco fixo no porto de Vilaxoán. Unha xornada con notable protagonismo arousán, co Club de Remo Mecos facéndose cun de cada catro títulos en xogo, e cos tres equipos do Salnés metendo a nove dos seus doce barcos en acción en postos con dereito a pelexar a vindeira fin de semana, en Bueu, polo Campionato Galego, clasificatorio para o de España. Só Chapela, con cinco títulos, mellorou os tres do club do Grove.
O CR Mecos impúxose nas finais infantil feminina, cun crono de 5.35,43 sobre mil metros, con 2,06 segundos de vantaxe sobre a tripulación de Tirán, na xuvenil feminina, neste caso con maior autoridade, empregando 11.14,51 para cubrir os dous mil metros do campo de regatas, con 7,40 segundos de marxe sobre o bote de Chapela, mentres os cadetes do club grovense tamén gañaron o título da súa categoría, con 1.500 metros de percorrido, que cubriron en 7.12,89, 2,41 segundos menos co batel de Tirán. Ademais, o CR Mecos contará coas súas tripulacións xuvenil e alevín masculinas no Campionato Galego, logo de rematar terceira e cuarta das súas finais.
O anfitrión do Territorial Sur, o CR Vilaxoán, gozou do segundo posto do seu equipo absoluto feminino, que entrou a 7,87 do de Chapela, campión en 10.28,09. Tamén meteu na cita autonómica de Bueu o seu batel absoluto masculino, ao que se lle escapou o título por só 1,96 segundos, con Chapela campión en 9.25,50. O Amegrove CR, pola súa banda, clasificou para o Galego o sub-23 feminino, terceiro da súa final, e o absoluto masculino, cuarto.