Os xoguetes despídense do Museo de Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A mostra que se pecha o domingo reúne unha escolma de 150 pezas de Juan Manuel Alfaya Ocampo

08 feb 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Museo de Pontevedra clausurará este domingo a mostra E tempo de xogar que se viña exhibindo no Edificio Sarmiento. A exposición é unha escolma de arredor de 150 pezas da colección de cerca de setecentos xogos e xoguetes do redondelán Juan Manuel Alfaya Ocampo, que van desde finais do XIX ata os anos 60. Dende a súa apertura, o pasado 29 de novembro, a mostra veu tendo unha grande acollida entre o público.

Ramón Leiro

Na súa inauguración, Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra fixo alusión ao feito de que «estamos nunhas datas especiais nas que todos os rapaces están imaxinando aquel xoguete que van querer, e aquí temos a posibilidade de ver o que imaxinaban os nosos avós que querían polo Nadal». Pola súa banda, a responsable de Exposicións do Museo, Fátima Cobo, puxo o acento na implicación na «cunha vocación claramente social» de Juan Manuel Afaya, mentres que este último defendeu a necesidade de que a mostra «sexa participativa, para chegar a moita xente, especialmente a aquelas persoas que non puideron ter estes xoguetes na súa infancia».

Durante estes meses o propio Alfaya Ocampo dirixiu unha serie de visitas guiadas nas que explicou detalles e curiosidades arredor dos xoguetes expostos, ademais de ensinar o funcionamento de varios dos autómatas que forman parte da súa colección. Estas pezas foron creadas entre as décadas de 1890 e 1960 e teñen o selo de marcas españolas tan destacadas coma Rico, Payá, Sanchís, Teixidó, Picó, Casanellas, Seix Barral, Sagarra, Mariquita Pérez e Jecsan. Tamén doutros países, como Gunthermann, Lehmann, Fernand Martin, Arnold, Hess, Tecnos, Strauss, Distler, Bühler, Rossignol, Goso, Marx, Bonnet, Vebe, Lego, Joustra ou Matarazzo.

Ramón Leiro

Aínda que o material principal destes xogos e xoguetes é lata, o certo é que o visitante poderá encontrar elementos elaborados noutros materiais, caso de chumbo, cartón, madeira ou plástico. Dende o Museo de Pontevedra destacan os autómatas, moitos deles centenarios, que reproducen con gran realismo sorprendentes movementos, como os teatros de marcas como Schreiber, Paluzie e Pellerin-D’Espinal. «En definitiva, amósanse xoguetes para todos os gustos, habilidades e temperamentos», engadiron ao respecto.

Viaxe non tempo

En definitiva, «esta mostra quere ser, desde o propio título, unha invitación a xogar dirixida ás nenas e nenos, pero tamén ás persoas adultas».

Ramón Leiro

Deste xeito, convertese nunha sorte de máquina do tempo para descubrir os obxectos cos que se divertían xeracións anteriores, polo que os cativos se sorprenderán «coas cores, os materiais e o enxeño destes trebellos, e as persoas maiores recoñecerán xoguetes da súa infancia cos que quizais non puideron xogar no seu día. Esta é a súa oportunidade de volver vivilos», remarcaron.