O Complexo Hospitalario dá a benvida a 54 alumnos de segundo curso da Escola de Enfermería
07 feb 2025 . Actualizado á 11:51 h.Benvida aos 54 estudantes de segundo curso do grao en Enfermería que inician o seu primeiro período de prácticas formativas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP). Foi a que se deu este xoves no salón de actos do Hospital Montecelo a eses alumnos, na súa maioría mulleres, da Escola de Enfermería de Pontevedra, adscrita á Universidade de Vigo e en pleno proceso de integración. Segundo explican desde o Complexo, ao acto asistiron diversos responsables asistenciais, de formación e docencia regrada. Neste segundo cuadrimestre, os estudantes do grao cursarán a materia Prácticas Clínicas I nos distintos servizos hospitalarios do CHOP. Trátase da súa primeira toma de contacto co ámbito asistencial, nunha etapa que afrontan con ilusión e ganas de aprender.
Apuntan desde a dirección da área sanitaria que noutros cursos máis avanzados, este alumnado da Escola de Enfermería —situada na cuarta planta do Hospital Provincial— poderá desenvolver o seu período formativo en centros de atención primaria.
Coa incorporación destes universitarios, a área referenda a súa aposta por estar na primeira liña da docencia universitaria en ciencias da saúde. Subliñan neste sentido que o compromiso do CHOP na formación de novos profesionais repercute de forma positiva tamén no persoal no campo docente, investigador e na propia asistencia. «Permitindo abrir novas vías para participar en grupos de investigación, ser máis competitivos á hora de se presentar ás distintas convocatorias e acceder á carreira docente», recalcan.
Engaden que representa tamén unha vantaxe para os pacientes da área, xa que a acreditación universitaria obriga a manter uns estándares de calidade, no plano organizativo e asistencial, que repercuten de forma directa no seu beneficio.