A N-541 segue igual de perigosa

PONTEVEDRA

A reforma da ponte de Pedre concluíu 17 meses despois do accidente do autobús sobre o río Lérez en Noiteboa, pero o reasfaltado doutros tramos segue atrancado

12 may 2024 . Actualizado á 09:10 h.

Dezasete meses despois da traxedia ocorrida na ponte de Pedre en Noiteboa do 2022, restableceuse por completo o uso do viaduto ao intenso tráfico que circula pola estrada N-541. Ocorría o pasado xoves, o mesmo día que Santiago, Marcos, Aaron, César e Rubén, os cinco bombeiros do parque municipal de Pontevedra que acudiron aquel 24 de decembro ao rescate dos ocupantes do autobús precipitado ao Lérez, recibiron un sinxelo e sentida homenaxe de parte dos seus compañeiros da xunta de persoal do Concello. Acaban de ser distinguidos coas Medallas ao Mérito de Protección Civil de Galicia por expoñer as súas vidas, máis aló do seu deber, nun acto no que resultou clamorosa a ausencia de representante ningún do goberno municipal. As diverxencias político-laborais non deberían embazar un recoñecemento tan xusto como necesario.

De modo que a estrea das obras de mellora da seguridade viaria na ponte de Pedre fíxose coincidir co recoñecemento aos bombeiros que naquela inhóspita noite expuxéronse para salvar a dúas dos nove ocupantes do vehículo que caeu ao río. Unha circunstancia que non debería despistarnos do auténtico problema de fondo que persiste tantos meses despois: a estrada xeral que une Pontevedra cO Carballiño e Ourense segue sendo unha das máis perigosas e peor mantidas de Galicia e España. O índice de sinistros de tráfico que anualmente se rexistran na N-541 así o demostra. Xa hai anos que observadores neutrais como o Real Automóbil Club de España (RACE) acredítao no seu informe EuroRap que establece unha clasificación nacional das estradas e que tramos son máis perigosos. A Nacional 541 ten o triste mérito de figurar nesa selección e, de modo particular, o treito que discorre entre Cerdedo e Santo Jorge de Sacos, especialmente crítico polo seu trazado sinuoso.

O Ministerio desatende

A fronte política multipartidista que se xerou para canalizar o malestar de miles e miles de usuarios desta estrada e reivindicar solucións seguiu presionando, sen éxito. Alentado por Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade onde ocorreu aquela traxedia e onde se repetiron outros accidentes mortais, o chamado Pacto de Pedre contou coa adhesión dos responsables doutros concellos polos que discorre a Nacional 541, incluídos os alcaldes das cidades de Pontevedra e Ourense e apoiado polas deputacións de ambas as provincias. Con todo, cargos públicos do PSOE desmarcáronse, especialmente a raíz da proposta que desempoou o rexedor da cidade do Lérez. A construción «dunha autovía dende O Carballiño, para dotar dunha comunicación segura aos territorios onde compre vertebrar poboación para evita-a desertización», segundo argumentou Miguel Fernández Lores cando formalizou a súa incorporación ao pacto.

Pero semellante alternativa tropezou coas reiteradas negativas do Ministerio de Transportes a estudar sequera esa posibilidade que entende está descartada desde hai anos e por gobernos anteriores. A última resposta á enésima pregunta parlamentaria reitera que non está nos plans de investimento do Gobierno central construír unha potencial alternativa á N-541 e que, por tanto, só caben melloras. Nin sequera unha reforma integral. O que fará o ministerio de Óscar Puente será un reasfaltado de case 18 quilómetros entre Forcarei e Cerdedo-Cotobade que presuposta en algo máis de 4 millóns de euros e que leva ano e medio prometendo que executará. Pasaron xa tres delegados do Gobierno en Galicia, José Miñones, José Ramón Gómez Besteiro e o actual, Pedro Blanco quen foi dando sucesivas datas para a realización deses traballos, demandados pola opinión pública e os concellos directamente afectados. A última estimación correu a cargo de Abel Losada, subdelegado do Gobierno en Pontevedra, quen xa non se arriscou a datar, máis aló de dicir que «será canto antes»

O xuízo pendente

Para as familias das vítimas mortais do accidente do autobús aínda resta superar o mal grolo que suporá revivir aquel drama a través do xuízo que haberá de celebrarse para depurar responsabilidades. De momento non hai data sinalada. Parece ser que o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra entendía que non cabía alongar a actual fase de investigación, despois de tomar declaración aos axentes da Garda Civil de Tráfico que realizaron o atestado do accidente. No entanto, tanto a defensa de Carlos Monzón, o chofer do autocar e único investigado, así como a patronal galega deste sector, pretendían contrarrestar o informe da Benemérita con outras peritaxes para rebater a tese do exceso de velocidade como única causa do sinistro.

Hai uns meses, nun artigo anterior, xa mantiven que temo que o xuízo de Pedre vaia ser outro Angrois (por certo, aínda pendente de sentenza). O condutor do bus sería, como o maquinista do Alvia, a chiba expiatoria ao que cargar toda a culpa das sete mortes para diluír as responsabilidades da Administración no estado e mantemento dunha estrada perigosa, moito máis naquela Noiteboa de temporal.