Ao Arousa fáiselle costa arriba o gol e acaba cedendo no último minuto (1-1)

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Un gol no 92 augou a festa na Lomba

28 abr 2024 . Actualizado ás 21:26 h.

O Arousa perdeu este domingo dous puntos na Lomba. Despois de xerar ocasións e ir por diante durante todo o encontro acabou entregando un punto ao Alondras nun tanto que chegaría case sobre a bucina. Concheiro adiantou na primeira parte aos locais, pero os de Luisito perdoaron demasiado na segunda metade. E esa falta de finalización á que están encadeados volveuse materializar esta fin de semana na Lomba. O empate chegaría nos pés de Facundo Moreyra no 92 despois dun erro no pase ao porteiro que deixou o balón para que o Alondras puidese salvar un punto. A pesar de estar xa no tempo de desconto, Borja tivo un man a man con Esteban que puido ter dado a vitoria aos locais. O Arousa non soubo aproveitar esa última oportunidade, pero non se cae da terceira posición. Ten o play off encarrilado, pero un triunfo houbéselle asegurado unha praza que segue aberta a tres xornadas para o final.

Luisito mostrouse desgustado ao termo do encontro pola falta de acerto e pediu «de todo corazón que toda a desgraza que temos de cara ao gol, non a teñamos non play off». Unha vez máis fixo cambios sobre o once de partida para intentar minimizar ese desatino baixo paus. Non valeu de moito.

Os de Cangas tiveron ocasións nos primeiros minutos cunha boa posta en escena, a pesar da presión adiantada do Arousa, que onte gañou en resistencia física. Ese primeiro gol de Concheiro non amedrentou ao Alondras, que seguiu intentándoo ata os últimos minutos, cando xa subía á desesperada buscando equilibrar o partido. A entrada de Yhavé Prieto deu aire á dianteira visitante e foi precisamente el quen cedeu a Facundo Moreyra para que desde a frontal disparase un balón raso que empatou o partido e desesperou, unha vez máis, aos afeccionados da Lomba.

FICHA

AROUSA: Manu Táboas, Santi Figueroa, Sergio Cotilla, Martín Sánchez, Antón Concheiro, Rubén Blanco (Borja Míguez, min 77), Javier Pereira (Sylla, min 67), Santi Fernández (Marcos Mella, min 67), Brais Vidal, Iñaki Leonardo (Martín Diz, min 59)e Daniel Sánchez.

ALONDRAS: Esteban Ruiz, Diego Rodríguez, Pablo García, Félix Rial (Yhavé, min 73), Facundo Moreyra, Abel Martínez, Jesús Varela (Iker Villanueva, min 61), Joel Rocha (Óscar Martínez, min 73), Manuel Freire (Mauro Nores, min 51), Pablo Goitia (Monroy, min 51), Álex Ubeira.

GOLES: 1-0, min 29: Concheiro. 1-1, min 90: Facundo Moreyra.

ÁRBITRO: Juan Luis Dávila, Andrés Seijo e David Táboas.