Las escuelas que sobreviven en el rural: «Os nenos aquí están coma na casa, en zapatillas. E entran e saen falando galego»

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Alumnos de la escuela unitaria de Verducido, trabajando en la huerta escolar
Alumnos da escola unitaria de Verducido, traballando na horta escolar Ramón Leiro

Co período de inscrición ás portas, as aulas unitarias da comarca de Pontevedra intentan atraer alumnado. O seu principal valor? «Somos unha prolongación da familia», din

24 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Toca elixir colexio. Ou escola. O período de inscrición de novos alumnos de educación infantil está ás portas e aquela vella máxima de que o neno vai ao centro que queda máis preto de casa xa non se cumpre sempre. Cada vez son máis familias as que queren coñecer a fondo o proxecto educativo, a cociente habitual de alumnos por clase, ou os servizos antes de decidirse por un ou outro centro. Conscientes de que isto pode darlles unha oportunidade á escolas do rural, afogadas case sempre pola falta de alumnado nas aldeas, as profesoras destas unitarias que sobreviven na comarca de Pontevedra lánzanse a vender os seus encantos. Cales son? «É difícil escoller un, porque hai tantos... pero o principal é que os nenos aquí están como na casa, en zapatillas, cómodos e quentiños», resume Lidia Gómez, mestra da escola de Verducido .

Na comarca de Pontevedra, tras uns anos nos que paulatinamente foron pechando moitas escolas do rural por falta de alumnos, sobreviven nove unitarias. Dous están en Portas, tres en Moraña , Poio e Barro conservan unha e Pontevedra e Sanxenxo tamén teñen unha por cabeza. En case todas as cocientes de alumnado son moi baixas, con entre sete e doce nenos.

Escoitar ás mestras destes centros é toparse con docentes totalmente motivadas que creen que as familias non son do todo conscientes do tesouro que gardan estes centros que dan vida ás aldeas e cuxa gran desvantaxe é que non teñen transporte nin comedor. Susi Arca é unha das profesoras máis veteranas. É a mestra de Amil, en Moraña, onde este ano acoden nove nenos de toda a etapa infantil e o curso que vén espera que como mínimo se acade a mesma matrícula: «O que vivimos nestas escoliñas é impresionante, porque somos unha prolongación da familia. Temos moitas vantaxes, entre elas que aquí os nenos chegan falando galego e tralo paso pola escola saen falando galego», opina desde a súa aula.

Escola a escola, as profesoras que ensinan no rural poñen o acento nesa proximidade que poden ter cos alumnos e as súas familias porque teñen poucos nenos e tamén en que traballan en centros concibidos para unha matrícula moito máis grande e xa que logo contan con espazo para facer numerosas actividades. A máis diso que case todas aproveitan a contorna e os nenos van ao monte, pasan os recreos en carballeiras e establecen contactos cos veciños das aldeas onde están instaladas. En Verducido, por exemplo, os venres unha veciña adoita axudar á mestra e aos nenos a traballar na súa horta. As mestras falan tamén da cantidade de material que atesouran estes pequenos centros, onde ás veces é máis doado que os nenos usen unha lousa dixital que nun colexio urbano coa cociente máxima de alumnos. «Estamos moi ben dotadas, contamos cunhas bibliotecas que son un luxo, temo un montón de recursos», di a profesora da escola de Lantaño (Portas). Completando o rosario de vantaxes, a mestra de Aios (Sanxenxo) engade: «O mellor é o proxecto educativo, aquí eliminei os libros de texto e ensino experimentando».

O colexio rural agrupado de Vilaboa, o centro que segue tentando a familias da cidade: «Non hai xornada de portas abertas, as portas están abertas sempre» 

Máis aló das escolas unitarias, na comarca de Pontevedra existen tamén dúas Colexios Rurais Agrupados (CRA). Trátase de varias aulas que, aínda que se sitúan en aldeas distintas, forman parte dun mesmo centro. Na zona está o de Caldas e o de Vilaboa . A este último levan anos acompañándolle os bos datos de matrícula pese ao bajón da natalidade no ámbito rural. Por que? Porque o proxecto educativo que propón e a educación de proximidade que abraza está a seducir tamén a pais do ámbito urbano, que prefiren levar aos seus fillos ata unitarias como as de Figueirido ou Bértola antes que a un colexio do centro de Pontevedra ou de Vigo. Así o conta a directora do CRA de Vilaboa, Conchita Pérez: «Xa estamos a ter chamadas de pais doutros municipios, o cal nos alegra moito. Aquí sempre dicimos o mesmo, que non temos unha xornada de portas abertas, senón que as nosas portas están abertas sempre, que poden vir visitarnos cando queiran».

Eles teñen actualmente 85 nenos en cinco escolas. Creen que o ano que vén aínda poderían ser algúns máis. Pero falta saber como se aplican as novas cocientes máximas de alumnos aprobadas, xa que Educación aínda non comunicou nada aos centros.