Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra: «Quero que o Mundial do 2030 se celebre na provincia, se celebre en Balaídos»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

César Quian

Asegurou o compromiso da Administración provincial para acoller en Vigo partidos do Mundial que organizará España, Portugal e Marrocos

23 feb 2024 . Actualizado ás 20:03 h.

O deporte é un dos eixos prioritarios sobre os que pivota a política da Deputación de Pontevedra, de tal modo que o Mundial de Fútbol do 2030 é un oportunidade que non se quere deixar escapar ao tratarse «dun dos maiores eventos deportivos no eido futbolístico». Así, confirmouno esta venres pola mañá Luis López, presidente desta Administración, ao asegurar que «dende a Deputación queremos que se xogue na provincia e queremos que Balaídos sexa unha das sedes do Mundial».

É por iso que anunciou que se traballará co resto de administracións para que isto sexa unha realidade. Explicou que o pasado mércores asistiron a unha reunión coas Federacións Española e Galega de Fútbol, o Celta e o Concello de Vigo, e a Xunta, no transcurso da cal se lles informou dos requisitos que debe cumprir o estadio olívicou para acoller encontros do Mundial que organizarán España, Portugal e Marrocos.

Luis López comprometeuse a que a Deputación, dentro do que é o seu marco competencial e as dispoñibilidades orzamentarias, a .. «facer todo o posible para que o estadio de Balaídos sexa sede do Mundial. O deporte é un área estratéxica para este goberno, a través do fomento do deporte non só melloramos a saúde da poboación, senón que dinamizamos a actividade económica e seguimos a consolidar a provincia como unha potencia turística»

«Quero que o Mundial do 2030 se celebre na provincia, se celebre en Balaídos», engadiu antes de precisar que se terán que acometer obras a maiores no campo de fútbol vigués. Entre outras, apuntou que talvez habería que «suplementar algunha grada hacia arriba», á vez que reiterou o compromiso orzamentario da Deputación de Pontevedra co estadio de Balaídos, que para este 2024 contemplan unha partida de 2,5 millóns de euros «cando o Concello de Vigo só contemplou 300.000 euros».